España sitúase a cabeza de Europa na resposta á publicidade móbil

venres, 28 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Polo visto a dieta mediterránea ten múltiples consecuencias sobre os españois, e non é o a pesca o único trazo cultural que os relaciona, xa que, como proba un estudo, os cidadáns do Estado son os que “mellor responden á publicidade no móbil” de Europa ou, dito doutro xeito, os que máis “pican” cando de anuncios no móbil se trata. Segundo a nova publicada por Baquia.com, múltiples estudos coinciden en que España “vai ben” (ou polo menos neste sector), e destacan o “bo intre para o marketing e a publicidade móbil” que se está a dar dentro das fronteiras do país, laudo que o sitúa na vangarda europea novamente e noutra cousa distinta ó consumo de cocaína.

Dos múltiples estudos citados na nova en cuestión, poderíamos destacar unha serie de datos que estas investigacións achegan. En primeiro lugar, nada menos que nove de cada dez usuarios de móbil estarían dispostos a recibir publicidade no seus teléfonos a cambio de descontos nas súas facturas, ou puntos para trocar por produtos cos seus operadores. En segundo lugar, outro estudo asegura que o investimento total europeo neste tipo de “servizo” á comunidade subirá dende os 382 millóns de dólares investido en 2006 até case dez veces máis en 2011. Isto non sería nada sen un terceiro e definitivo estudo, que coloca a España definitivamente no manual do perfecto parvo, xa que indica que un 50 por cento dos cidadáns do país recibiron publicidade no móbil e contrataron o servizo ou ben mercaron o obxecto promovido.

O que non deixa de ser abraiante é que nestas investigacións sinálase que os que menos “pican” son os estadounidenses, xa que os queridos devoradores de flocos de millo só caen nun 17 por cento das xogadas de estimulo-resposta telemáticas, seguidos dos ingleses que só “pican” nun 27% dos casos. Porén, a cousa vai estar rifada entre os latinos, xa que tanto franceses coma italianos roldan a nosa marca, situándose entre o 44 e 45 por cento. Cantas cousas podemos inferir deste tipo de estudios!

PUBLICIDADE