Estrea accidentada da remasterización da triloxía de GTA III

venres, 12 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Para celebrar os 20 anos de Grand Theft Auto III Rockstar Games preparou a rematerización deste título e as súas dúas secuelas no lote Grand Theft Auto: The Trilogy – The Definitive Edition, que tiña que ver a luz hoxe mesmo para PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S, Nintendo Switch e PC, pero a versión para ordenadores persoais, dispoñible a través da aplicación Rockstar Games Launcher, tivo que ser retirada ao provocar problemas co lanzador do xogos de PC (impedindo incluso que se puidese xogar a outros títulos de Rockstar).
Dende Rockstar Games aseguran estar a traballar para reinstaurar a triloxía de GTA en breve, para o que teñen que corrixir os ficheiros que incluíron na mesma de xeito accidental, confiando que en breve os xogadores de PC poidan volver gozar destes títulos clásicos na súa edición remasterizada, aínda que polo momento a boa nova é que retirando estes xogos o lanzador funciona correctamente, o que agradecen especialmente os seareiros de títulos como GTA 5 ou Red Dead Redemption 2, que durante máis de medio día non puideron gozar destes xogos por mor dun problema técnico que nada tiña que ver cos mesmos.
Esta incidencia está a ser bastante criticada, xa que non ten sentido que para gozar de xogos en local haxa que depender dun lanzador de aplicacións claramente orientado a títulos con xogo en liña, considerando inxustificable que un problema cun servizo impida gozar dun xogo que non fai uso da conexión á Rede.

PUBLICIDADE