Estrella Galicia amosa os resultados da súa aposta pola mobilidade e o código aberto
mércores, 10 de outubro do 2012
A
Corporación Hijos de Rivera, responsábel da cervexa Estrella
Galicia (unha das nosas marcas de meirande proxección
internacional), vén de amosar
os resultados da súa aposta recente pola mobilidade e polas novas
tecnoloxías, unha estratexia que xa
avanzamos en Código Cero nas súas liñas xerais. Máis
polo miúdo, foi unha aposta pola experiencia
da galega Queres.es e polas
novas tecnoloxías da
multinacional Alfresco, firma especializada na achega de
programas abertos de xestión empresarial, directamente afianzados na
nube, con todo o que isto subministra:
entre outras cousas, a posibilidade de traballar na túa empresa
dende calquera parte do mundo coma
se estiveras, precisamente, na túa empresa. Con
vantaxes múltiples e sen ningún dos atrancos que de antigo implica
o factor “distancia”.
A idea de Estrella
Galicia foi a de solucionar un baleiro no seu seo, onde non había
unha solución de xestión documental unificada senón que se
empregaba un sistema propietario para o traballo coas facturas dos
provedores, no que a documentación íase acubillando en unidades de
rede, discos duros e outros sistemas. O proxecto TIC comezou
precisamente aí: na xestión das facturas dos provedores. Logo,
estendeuse o seu uso a tódolos departamentos. Dende o principio
fíxose preciso un recurso que fose quen de soportar unha boa carga
de traballo: até 4.000 documentos novos ao mes no departamento de
Facturación, “volume que foi medrando a medida que se
incorporaron máis departamentos e empresas do grupo”, sinalan.
José Manuel Santiso,
responsábel de negocio de TIC de Estrella Galicia, explica deste
xeito as demandas requiridas: “No proceso de selección da nova
plataforma documental, tiñamos claro que debía ser software libre,
así como escalable e doadamente aplicable a outras áreas da
compañía, tamén era fundamental que a solución contara co apoio
dunha rede de socios e a garantía dunha empresa como Alfresco”.
Logo de consultar opcións como Documentum, Sharepoint e
KnowledgeTree, finalmente optouse por Alfresco Enterprise 3.3.4. Para
o desenvolvemento do proxecto, Estrella Galicia colaborou
estreitamente coa firma galega Queres Tecnoloxías, integradora das
solucións que abrangue o xestor documental Alfresco. A clave da
introdución destes novos recursos radicou, sinala Queres, na
capacidade de axilizar o proceso de xestión das facturas, de maneira
que o acceso a estas e a súa validación se faga de contado. O
desenvolvemento da compañía galega para o manexo e control dos
fluxos de facturas a través de trebellos móbiles iPad e iPhone
permítelle á dirección de Estrella Galicia ter a man, en todo
intre e dende calquera lugar, a aplicación. Con isto, pódense
aprobar ou rexeitar estes documentos a través de catro pantallas no
dispositivo, unicamente. Nestes intres, arredor de 40 directivos
están a tirar proveito das vantaxes do novo sistema.
En opinión de Carlos
Figueiras, director de TIC de Estrella Galicia, logo dos traballos
despregados pola dita compañía tecnolóxica galega, “os
directores traballamos agora máis rapidamente, podemos desfacernos
das tarefas rutineiras con facilidade, permitindo o emprego do noso
tempo na xeración de valor e estratexia para o negocio”.