Feijóo di que a Xunta investirá 8 millóns na creación de 220 polos creativos

martes, 26 de abril do 2022 S. P.

A Xornada de Exhibición dos Polos Creativos que se desenvolve na Cidade da Cultura, en Santiago, serviu outras cousas para albiscar o futuro da docencia galega: un futuro que pasará sen dúbida pola fonda integración das tecnoloxías disruptivas, tanto como instrumentos educativos como materias en si mesmas. Así o deu a coñecer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que salientou un investimento de 8 millóns de euros para a creación de 220 Polos Creativos en centros educativos galegos e impulsar as competencias dixitais como a robótica, a Intelixencia Artificial, a Realidade Virtual ou a Impresión 3D.
Durante a xornada, Feijóo engadiu que estes espazos “estarán situados nos propios colexios e institutos”, que “exercerán como epicentros da innovación educativa coa finalidade de que, a través de diferentes proxectos, os nenos accedan desde idades temperás a aspectos que forman parte da nosa realidade e que son imprescindibles para calquera profesión do futuro”. Tamén explicou que serán espazos abertos ás comunidades locais nas que se insiran, procurando implicar a alumnado, profesorado, familias e ao conxunto da cidadanía da contorna.
Á hora de seleccionar os centros, a Administración autonómica terá en conta a innovación didáctica e a calidade e viabilidade do proxecto, ou sexa, “que inclúa a presenza de profesorado de diferentes disciplinas” e “que fomente a participación da comunidade educativa, con actividades abertas á cidadanía”. Unha vez seleccionados, dotaráselles do mobiliario e do material preciso, tanto audiovisual como de electrónica e robótica, tecnolóxico ou de informática.