Filtran as especificacións do que podería ser o futuro Moto E
luns, 12 de maio do 2014
No
último ano Motorola como compañía de Google revolucionou o mercado dos seus
smartphones Moto X e Moto G, o primeiro polo seu nivel de
personalización e o segundo por chegar ao mercado
a un prezo moi agresivo, facilitando que moitos consumidores poidan facerse
cun terminal de boas prestacións a un prezo asumible (por debaixo dos 200
euros). Pero agora que a compañía pertence á chinesa Lenovo non se sabía que continuaría
na senda anterior ou limitaríase a servir de marca para Lenovo en mercados
occidentais, e as boas novas parecen confirmarse, pois as filtracións sobre un
futuro Moto E non cesan, chegando
incluso a aparecer nunha tenda en liña do Brasil na que publicaban tanto as
súas imaxes oficiais como as súas especificacións. Outras filtracións
incluso déixannos
ver a aparencia da súa parte traseira en cor azul turquesa e amarelo limón.
Estariamos ante un smartphone con pantalla de 4,3 polgadas (os modelos
anteriores tiñan 4,7 e 4,5 polgadas respectivamente) cun procesador de dobre
núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante
tarxeta microSD de ata 32 Gb), cámara traseira de 5 Mpíxeles e batería de 1.980
mAh, o que podería situar ao terminal entre os 100 e os 150 euros. De ser así,
o primeiro smartphone de Motorola tras a súa etapa baixo o paraugas de Google
podería converterse nun grande éxito a nivel mundial, especialmente despois da
magnífica aceptación que está a ter o Moto G.