Fíltranse numerosos detalles do dron DJI Mavic Air

luns, 22 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O dron DJI Mavic Pro destacou no seu momento polo seu formato extraordinariamente compacto, facendo posible o soño de moitos entusiastas de poder levar o seu trebello voador nunha mochila, aínda que resulta aínda máis rechamante o DJI Spark, por poder aspirar a ser un produto para o grande público grazas ao seu prezo máis contido, o seu tamaño aínda inferior (cunhas medidas de 143 x 143 x 55 milímetros e un peso de 300 gramos) e funcionalidades que facían moi doado o seu control (podendo guiarse incluso con xestos da man).
Pero a redución de tamaño do DJI Spark supuxo a perda de prestacións, de xeito que en vez de gravar vídeo en 4K limitábase a Full HD, e mañá está prevista a presentación do seu sucesor, que posiblemente xunte o mellor de cada un destes drons: o DJI Mavic Air.
Aínda que até mañá non coñeceremos os detalles, hoxe filtráronse numerosas das súas especificacións, como que disparará fotografías de 32 Mpíxeles con modo para panorámicas, gravaría vídeo en 4K a 60 imaxes por segundo, integrará un gimbal de 3 eixes (fronte aos 2 eixes do DJI Spark), terá 4 patas encartables (como o Mavic Pro), integrará sensores para evitar o choque con obstáculos, está equipado cun sistema de posicionamento visual (VPS) para un mellor control e un mellor uso en interiores), permite tamén control por xestos, a súa autonomía será de até 21 minutos de voo e estará dispoñible en 3 cores (branco, negro e vermello).
Quedan por saber detalles como o seu rango de control ou o seu prezo (que espérase que sexa de 699 dólares), pero resulta innegable que este segmento de produtos continúa a evolucionar, sendo cada vez máis asumible o uso de cámaras voadoras coas que realizar impresionantes filmacións alí onde os regulamentos locais o permiten.

PUBLICIDADE