General Motors aposta pola tecnoloxía Wi-Fi para detectar peóns ou ciclistas

mércores, 7 de novembro do 2012 Redacción

A sociedade actual vai directa cara a unha conexión global vinculada por medio das novas tecnoloxías (Internet, etc) e o eido do automóbil ten que avanzar de xeito parello a estas innovacións. General Motors toma nota disto e está a traballar nun proxecto de asistencia ao condutor que é quen de detectar a presenza de peóns e ciclistas nas rúas ateigadas ou con pouca visibilidade, mesmo antes de que o propio condutor os vexa. Esta axuda baséase no Wi-Fi Direct, un contacto sen fíos entre dispositivos, empregado por algúns smartphones para comunicarse de maneira directa entre si en arredor dun segundo, sen necesidade de pasar por un punto de acceso compartido, coma un repetidor de telefonía móbil.
Emporiso, a detección sen fíos de peóns atópase inserida no plan de desenvolvemento de GM en canto a sistemas de comunicación: vehículo-infraestrutura (V2I) e vehículo-vehículo (V2V), que terían a finalidade de avisar de xeito anticipado de perigos, como vehículos lentos ou parados, estradas escorregadizas ou interseccións e sinais de Stop.
Cómpre dicir que a Wi-Fi Alliance -a asociación industrial global a cargo da certificación de estándares sen fíos- afirma que os dispositivos compatibles con Wi-Fi Direct poden establecer contacto a unha distancia máxima de 200 metros (máis de dous campos de fútbol). Con este enxeño poderíase facer máis doada a transferencia de arquivos, como MP3 ou datos de axendas dixitais, entre un computador doméstico e o sistema de navegación ou información e lecer dun vehículo equipado con Wi-Fi Direct. Engadir que todas as conexións de Wi-Fi Direct protéxense mediante WPA2, e achegan a posibilidade de mellorar a xestión do tráfico e mesmo reducir o número de accidentes.