Gigaset adiántase ao Día da Nai cos aparellos sen fíos SL910 e E500

mércores, 24 de abril do 2013 Redacción

Gigaset, a marca xermana de teléfonos, segue coa súa estratexia de arranxarlle o ensarillado a quen ande á procura do agasallo máis acaído para familiares ou parella (s) en cadansúa celebración anual. Se hai pouco falamos dun aparello de seu especialmente indicado para os usuarios masculinos que, ademais de selo, teñen fillos potencialmente regaladores de cousas, agora é a quenda da vertente feminina, con vistas á celebración do primeiro domingo de maio (Día da Nai). O que nos trae Gigaset, para esta ocasión, son os teléfonos sen fíos SL910 e E500. A primeira proposta, informa a empresa, é o primeiro trebello sen fíos cen por cen táctil do mercado, cun deseño único en cor branca que achega ademais “un toque de sofisticación ao fogar, cinguindo deseño e tecnoloxía nun único dispositivo”.
Asemade, estamos ante un aparello que, polas características da súa pantalla, pode converterse en marco dixital no que emprazar as fotos dos familiares mentres o teléfono non se emprega. Entre os seus moitos puntos fortes, informa Gigaset, inclúese o modo Picture Clip, que permite asociar unha imaxe a cada contacto. Ten espazo para 240 imaxes que se ven na máis alta calidade grazas á súa pantalla de 6,8 cm x 4,5 cm. Tamén acubilla unha función específica para aquelas nais que teñen fillos pequerrechos: a función de vixilancia permite que o teléfono identifique calquera son estraño e de certo volume que se produza na sala na que se atopa. O seu prezo de venda é de 162 euros e tamén está dispoñíbel en negro.
A segunda proposta é, ante todo, unha proposta práctica, que xunta ergonomía e funcionalidade, en palabras da casa alemá. O E500 inclúe un deseño extra grande das teclas e da pantalla, co fin de facilitar a vida doméstica de quen o use, ao que cómpre engadir a iluminación especialmente brillante e o meirande contraste para ver mellor os números e as letras. Dispoñíbel en cor prata, o seu prezo recomendado é de 65,21 euros.

PUBLICIDADE