God of War chega a PC

venres, 14 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Está previsto que este ano chegue a PlayStation 4 e PlayStation 5 o xogo God of War Ragnarök, e pode que esta secuela conte con máis público do esperado inicialmente xa que a primeira entrega desta nova serie protagonizada por Kratos estreou hoxe versión para PC, que pode adquirirse por 49,99 euros en Steam e na Epic Games Store, de xeito que mellora substancialmente a base de usuarios, que con moita probabilidade quererán seguir gozando das aventuras do destrutor dos deuses do Olimpo.
O feito de que God of War dese o salto de PlayStation 4 a PC non só mellora a súa dispoñibilidade, senón que tamén permite gozar do xogo cunhas posibilidades gráficas moi superiores, xa que se temos un equipo potente poderemos gozar dunha auténtica resolución 4K coa frecuencia de fotogramas desbloqueada, conseguindo así o rendemento máximo que dea o noso ordenador persoal. O xogo tamén tira proveito da tecnoloxía DLSS de nVIDIA para conseguir imaxes máis rápidas e nítidas, e a tecnoloxía nVIDIA Reflex de baixa latencia para permitir reaccións máis rápidas. Outra importante novidade do xogo é que agora é compatible con pantallas ultrapanorámicas (21:9) polo que as partidas convértense nunha experiencia de calidade cinematográfica.

No novo tráiler de God of War podemos comprobar como se ve o xogo en monitores ultrapanorámicos

PUBLICIDADE