Gradiant afronta as probas piloto do seu sistema de cálculo automático de persoas en tempo real

martes, 30 de xullo do 2013 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant e a Fundación Novacaixagalicia puxeron en marcha a pasada fin de semana as probas piloto do sistema APC de análise de tráfico de persoas e afluencia de público en tempo real. A fundación galega puxo a disposición deste proxecto de Gradiant o auditorio do seu Centro Cultural de Vigo, onde se levaron a cabo estas primeiras experiencias de campo. En palabras dos responsábeis do centro galego de telecomunicacións, estamos ante “un enorme paso adiante no desenvolvemento desta tecnoloxía, que permite coñecer con total exactitude e decontado a afluencia en calquera local e o cálculo de asistentes en tempo real, mediante sensores de vídeo 3D emprazados nas entradas do recinto”. Por certo que estes sensores, explica Gradiant, son semellantes aos que se empregan nas videoconsolas de última xeración.
O sistema APC está na vangarda das tecnoloxías de análise avanzada de vídeo, e grazas ás súas especificacións técnicas, engade Gradiant, permite acadar resultados máis avanzados e detallados que equipos moito máis potentes e voluminosos, pero a unha fracción do seu prezo. O equipo en cuestión, como dixemos, instalouse na porta principal do Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia de Vigo e controlouse remotamente vía Web polos investigadores de Gradiant. Os resultados desta primeira proba piloto son, en palabras dos profesionais galegos, “esperanzadores”. De feito, arroxan unha taxa de exactitude de máis do 95%, unha cifra practicamente igual á que arroxou a proba de laboratorio, pero neste caso en condicións non controladas.

PUBLICIDADE