Gradiant define na IoT Week os avances da Internet das Cousas para o sector primario
martes, 7 de xuño do 2016
A semana pasada, entre o
31 de maio e o 2 de xuño, celebrouse na capital de Serbia, Belgrado,
o encontro IoT Week 2016, centrado
no ámbito da Internet das Cousas (Internet of Things, IoT). A
xuntanza, que contou coa presenza activa de case medio milleiro de
profesionais e investigadores de todo o mundo (amosando o máis
avanzado das tecnoloxías dos obxectos conectados e establecendo
ligazóns para futuras colaboracións), tivo presenza galega. Máis
en detalle a do Centro Tecnolóxico Gradiant, que acudiu en calidade
de referente europeo en innovación IoT. Segundo nos contan dende
Gradiant, durante as charlas, as conferencias e as demostracións
desenvolvidas ao abeiro da IoT Week, debulláronse os aspectos máis
salientables do impulso actual das tecnoloxías dos obxectivos
conectados. Fíxose especial fincapé nos retos
expostos por eidos de aplicación, como as Cidades Intelixentes e
máis o sector primario.
Nun plano máis técnico,
informa Gradiant, emprestouse especial atención á
interoperabilidade e á estandarización, e sobre todo á seguridade
e protección dos datos, isto último motivado en parte pola recente
entrada en vigor da nova Regulación Xeral Europea de Protección de
Datos.
A xuntanza tamén amosou
a firme aposta da Comisión Europea polas tecnoloxías IoT coma un
dos alicerces da estratexia de Mercado Dixital Único. Segundo engade
Gradiant ao fío do devandito, os plans da Comisión apuntan a
programas e convocatorias de proxectos “nos que se fomentará unha
meirande hibridación sectorial para axudar a horizontalizar as
cadeas de valor e derrubar as barreiras tradicionais entre sectores”.
O centro tecnolóxico galego tamén destacou o anuncio no evento da
publicación do libro branco Europa-China sobre IoT, que vén
acompañado dunha serie de medidas para reforzar a cooperación
Europa-China en materia de estandarización e proxectos conxuntos.
Respecto do papel
desenvolvido en Belgrado por Gradiant, a súa participación en IoT
Week centrouse en afianzar os avances na aplicación destas
tecnoloxías no sector primario, que é, precisamente, unha das
prioridades da Alianza Europea para a Innovación na Internet das
Cousas (AIOTI). O director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire
(tamén presidente do Grupo de Traballo 06 de AIOTI, centrado nos
ámbitos Smart Farming & Food Security), dirixiu a sesión
Agricultura intelixente: maior rendemento, mellor calidade,
aumento da eficiencia celebrada o día 1 de xuño.
A devandita actividade
contou con presentacións de investigadores referenciais no ámbito
IoT, así como de representantes de empresas do sector
agroalimentario de Europa do Leste. A sesión, informa Gradiant,
serviu entre outras cousas para constatar “un consenso destacable
en canto o papel fundamental que a Internet das Cousas vai ter no
futuro inmediato do sector primario a nivel global”, dado que as
tecnoloxías IoT albíscanse xa como ferramentas indispensables para
aumentar a produtividade e contribuír a unha maior sustentabilidade.
Neste senso, tamén se falou na sesión dun dos grandes retos para a
adopción masiva das tecnoloxías avanzadas dos obxectos conectados
no sector primario a medio prazo, un reto que consiste en asegurar o
retorno de investimento nun período de tempo razoable. Para isto,
explica o centro tecnolóxico, “debe terse en conta o tamaño das
explotacións agropecuarias, con diferentes necesidades e diversas
capacidades de investimento”.
