Gradiant e EnergyLab xuntan forzas para achegar ás pemes a enerxía intelixente

luns, 15 de novembro do 2021 S. P.

Os centros tecnolóxicos da nosa terra Gradiant e EnergyLab presentaron na mañá deste 15 de novembro un proxecto enerxético conxunto para integrar a Intelixencia Artificial no ámbito da xestión enerxética, sendo o seu obxectivo dar forma a unha enerxía máis intelixente e sustentable. No punto de mira de Unesia, así se chama o proxecto, está botar unha man ás empresas no seu día a día en materia de xestión de recursos, agora que tantas cousas (enerxeticamente falando sobre todo) se poñen na súa contra.
Na cita participou a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen tivo ocasión de coñecer o resultado deste compromiso conxunto dos dous centros galegos pola innovación tecnolóxica.
Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, apuntou que “Unesia nace coa vocación de converterse nun axente tecnolóxico de referencia para a implementación conxunta da transición verde e a transición dixital da economía, protexendo o medio ambiente á vez que se potencia o crecemento económico e a rendibilidade”.
Pola súa banda, o director xeral de EnergyLab, Fernando Val sinalou que “os retos que se expoñen tanto para as empresas, como a nivel global para o noso país, esixen que o traballo colaborativo sexa crucial para ter éxito. Unesia é un exemplo claro, permitindo reforzar as capacidades do ecosistema de I+D+i galego para proporcionar ás empresas ferramentas que melloren a súa competitividade facéndoas máis eficientes e sustentables”.
Patricia Argerey salientou que os centros tecnolóxicos melloraron a súa posición dentro do ecosistema de innovación nos últimos 5 anos como fonte de coñecemento externo para as empresas de Galicia. A directora de GAIN puxo den valor “o traballo dos centros tecnolóxicos galegos, agrupados na Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), pola súa excelencia e os seus resultados na contorna nacional, obtendo o mellor posicionamento no programa nacional de excelencia Cervera.
Obxectivos concretos
Unesia céntrase en “aproveitar o coñecemento e a experiencia na creación de ferramentas innovadoras nos ámbitos da enerxía e a Intelixencia Artificial, unha combinación de capacidades que, segundo apuntaron os dous centros tecnolóxicos, permitirá “axudar ao tecido empresarial de Galicia na súa adaptación á industria intelixente”.
Tamén lembraron o forte compromiso de EnergyLab e Gradiant cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) marcados para a Axenda 2030 de Nacións Unidas, obxectivos que preparan o terreo de cidades ecoeficientes, con consumo e produción sustentable, facendo un mellor uso dos recursos a través de aplicacións innovadoras respecto ao modelo actual.
Unesia, que permitirá a creación de 15 empregos cualificados cada ano, centrarase inicialmente nos sectores primario e enerxético, na industria e sistemas urbanos intelixentes. Entre as súas prioridades sitúase a captación dun millón de euros ata 2023 e alcanzar en 2030 un incremento do 15% no volume de negocio conxunto.