Intel descúlpase tralo lanzamento dun anuncio considerado racista

martes, 7 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Hoxe, na páxina web da máis grande compañía de fabricación de procesadores para ordenadores, Intel.com, o seu vicepresidente de vendas e marketing, Don MacDonald, quén tamén ocupa o posto de director global do devandito departamento, explica que o contido do anuncio da última peza gráfica dos fabricantes de chips “non logrou dar a mensaxe que a empresa pretendía”, e que involuntariamente resultou ser “insultante e insensible”.

Na peza en cuestión pódese ver a un home branco vestido de pantalón e camisa, e cos brazos cruzados, nunha oficina con seis velocistas negros en posición de saída en cada un dos que serían os supostos “boxes” da empresa; a lenda da imaxe dicía: “Multiplique o seu rendemento informático e maximice o poder dos seus empregados”.

En calquera caso, a publicidade da plataforma Core 2 Duo logrou o seu obxectivo de seren comentada, pero non do xeito que os publicistas tiñan en mente. Como resultado das diferentes protestas, a compañía tivo que retirar os devanditos anuncios e cancelar a publicación deles nunha serie de medios, malia que segundo o comunicado de Intel, a lo menos dúas publicacións non puideron ser “interceptadas” a tempo, e a lo menos nestes dous casos, o anuncio “racista” chegou a ser visto polo público xeral.

Sobre as futuras campañas publicitarias da empresa, MacDonald dixo que “farán uso de máis sentido común nas publicacións” coidando mediante “instancias específicas” calquera falta á “sensibilidade cultural”.

PUBLICIDADE