Internetgalicia.net: nova achega en liña para facer máis doada a andaina dixital das empresas

martes, 31 de xaneiro do 2012 Redacción

Temos nova presenza web na Rede galega, a de Internetgalicia.net, unha páxina posta en marcha por GaliciaDigital co obxectivo de facilitarlles ás empresas o seu camiño pola sociedade dixital e máis concretamente a do noso tempo: a sociedade dixital 2.0. A proposta, que segundo apuntan os seus creadores reflicte un esforzo especial pola innovación no deseño gráfico e a sinxeleza de uso, aglutina diversos servizos para a andaina en liña das novas iniciativas de mercado, e non tan novas.
Por unha banda, faise especial fincapé no deseño e máis confección de páxinas web, ofrecendo un amplo abano de propostas, que van dende os sitios básicos construídos a partir de plantillas ata proxectos en liña especialmente deseñados e executados para necesidades do máis específico.
A empresa-web Internetgalicia.net tamén subministra aloxamento web (dende tres euros ao mes, complementando os aloxamentos con outros servizos como contas de correo electrónico, copias de seguridade, estatísticas de visita, asesoría técnica), xestión de dominios (achegando o dominio desexado e permitíndose o rexistro no acto) e estratexias a prol do posicionamento nos principais buscadores (favorecendo que a web do cliente se sitúe non só nos mellores buscadores, senón que apareza, visible, cada vez que se faga unha operación de procura que, temática e formalmente, a toque de preto).