Inusual Comunicación Innovadora inaugura novas instalacións coa presenza da conselleira Lorenzana
mércores, 27 de maio do 2026
A axencia Inusual Comunicación Innovadora inaugurou este mércores 27 de maio novas instalacións no Polígono de Bergondo, unha cita na que participou a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, que avogou por promover activamente a innovación para crear un ecosistema industrial atractivo para captar novas empresas e atraer e reter talento.
Lorenzana puxo en valor “os máis de 20 anos de traxectoria da empresa”, con proxectos por todo o mundo, e apuntou que foi beneficiaria da liña de axudas da Xunta para atracción de empresas, aberta ata o vindeiro 30 de setembro cun orzamento de 30 millóns de euros e que leva rexistradas xa 75 solicitudes. Unha liña de apoios que financia proxectos de investimento empresarial.
Inusual é unha consultora avanzada e axencia de aprendizaxe que ten máis de dúas décadas de experiencia innovadora e que se dedica ao liderado, á transformación cultural e á estratexia organizativa para empresas. En concreto, traballan en integracións audiovisuais (fabrican, deseñan, desenvolven e executan proxectos audiovisuais en todo o mundo) e dispositivos electrónicos (achegan produtos electrónicos para mercadotecnia dixital, Internet das Cousas e electrónica de consumo).
