Kiply pechou a súa participación no Web Summit con máis de 2.500 usuarios da súa plataforma

mércores, 16 de novembro do 2016 Fernando Sarasketa

A empresa galega Kiply vén de informar do remate da súa participación na Web Summit 2016, da que informamos os días pasados dende Código Cero salientando o importante potencial deste evento á hora de establecer ligazóns e colaboracións entre desenvolvedores-vendedores de novas tecnoloxías, por unha banda, e compradores, pola outra. Segundo nos contan fontes da compañía, a súa actividade no dito evento internacional saldouse con máis de 2.500 usuarios. Todos eles, engade a empresa galega, tiveron ocasión de probar a plataforma de rendemento e produtividade Kiply e, en base a isto, “xa traballan a día de hoxe máis motivados e son máis produtivos grazas á nosa ferramenta multidispositivo”. Pola feira celebrada en Lisboa pasaron, ademais, máis de 50.000 persoas.
Kiply, como lembraremos, é unha ferramenta multidispositivo que axuda aos profesionais a mellorar o seu produtividade proporcionándolles datos obxectivos sobre a súa actividade diaria. “O obxectivo”, recordan os seus responsábeis, “é transformar o día a día dos traballadores que fan un uso intensivo dos dispositivos tecnolóxicos para desenvolver o seu traballo diario”.
Como dixemos, na feira celebrada en Lisboa foron 2.500 as persoas que decidiron integrar Kiply no seu labor cotián. Esta cifra de profesionais abrangueu persoas de moi variados perfís de actividade, dende avogados, a deseñadores e desenvolvedores pasando por asesores e enxeñeiros, traballadores por conta libre e empregados en xeral de PEME “preocupados por xestionar o seu tempo dunha maneira máis eficiente”.
Segundo informan os creadores de Kiply (a empresa do mesmo nome), “a nosa presenza na última edición da Web Summit supuxo un punto de inflexión para poder darmos o salto internacional e abrir novos mercados noutros países”. Ademais, explican, “puidemos gañar visibilidade entre os líderes do sector tecnolóxico e grandes investidores internacionais”.

PUBLICIDADE