Mal comezo da Amazon Appstore para Android

martes, 22 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Onte chegou o xogo Angry Birds Rio á App Store, de xeito que estaba dispoñible para usuarios de terminais con iOS, pero os usuarios de móbiles con Android, afeitos a gozar desta saga, tería que agardar ao lanzamento da Amazon Appstore, plataforma que distribuiría en exclusiva o novo xogo de Rovio para dispositivos Android, o que pretendía servir de reclamo para que os usuarios destes trebellos instalares a nova tenda de aplicacións de Amazon, o que finalmente converteuse nunha experiencia frustrante para moitos, pois, tras o lanzamento da Amazon Appstore e ver que o novo xogo dos Angry Birds podía descargarse de balde por tempo limitado, atopaban que non era posible completar a compra por estar bloqueada a nova tenda de aplicacións para usuarios de fóra de EE.UU. e Reino Unido.
Temos así que os usuarios europeos de móbiles con Android ven como tras localizar a nova tenda de aplicacións (o que non é doado), instalala, darse de alta como usuarios de Amazon (se aínda non o son) e intentar descargar algunha aplicación, atopan unha mensaxe de erro na se asegura que «A Amazon Appstore para Android aínda non está dispoñible na túa rexión». Un grande fallo por parte dunha plataforma que aspira a ser unha alternativa fiable ao Android Market, pois Amazon terá unha política de aprobación de aplicacións, de xeito que sometería aos contidos publicados a certo control, como fai a tenda de aplicacións de Apple, o que debería evitar a proliferación de software perigoso como aconteceu nos últimos meses na tenda de descargas de Google.
A Amazon Appstore nace con 3.500 aplicacións, que destacan por ter unha calidade superior á media do que podemos ver no Android Market, e vai contar con numerosas aplicacións de balde a través de promocións diarias, o que axudará a potenciar esta tenda de aplicacións e a algúns desenvolvementos que acadan así certa visibilidade.
Os comezos da Amazon Appstore tamén está a ter problemas legais, pois o pasado día 18 Apple presentou unha demanda contra Amazon por violación de marca (non esquezamos que a tenda de aplicacións para iOS chámase App Store) e por competencia desleal, o que podería rematar en nada, pois Apple aínda non ten ratificada tal marca, por estar recorrida por considerarse que é un termo xenérico (App Store significa literalmente tenda de aplicacións), aínda que non pode dubidarse que o lanzamento desta nova plataforma de Amazon pode causar confusión co produto de Apple.

PUBLICIDADE