Media Markt contrata a 53 ferroláns para a súa nova sede galega

martes, 3 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

Que unha compañía de venda masiva de produtos electrónicos como Media Markt se instale en Ferrol pode ser unha boa nova ou ben unha mala nova, depende do punto de vista adoptado. Dende logo, o sector local de distribución de material TIC e electrodomésticos non verá a chegada do xigante xermano como a axuda que estaba a agardar, máis ben o contrario. Pola contra, para quen busque estatísticas rápidas sobre incrementos no nivel de emprego da comarca, a aposta de Media Markt por Ferrolterra ten algúns números salientables. O máis importante: os 53 traballadores que foron seleccionados pola compañía para a súa nova sede no Polígono do Boial.
Esta cifra, dada a coñecer definitivamente estes días, foi avanzada xa en xullo pola propia empresa, que subliñaba daquela o seu compromiso polo desenvolvemento económico da comarca (no proceso de escolma de traballadores deuse prioridade aos residentes en Ferrol e Narón, estando o 90% deles en situación de desemprego). Media Markt tamén apostou pola paridade, xa que a proporción de mulleres e homes elixidas/os é equiparable. Segundo informou o xerente da tenda, Jorge Medina, ao Diario de Ferrol, o proceso de selección non foi doado, sobre todo pola cantidade de currículos recibidos (máis de 8.000). O establecemento de Media Markt en O Boial é o número 71 da cadea en España e conta con 2.500 metros cadrados.
A elección de Ferrol como nova sede galega da firma, a engadir ás da Coruña, Vigo e Lugo, tivo que ver no seu día coa potencialidade da cidade galega e da súa comarca e tamén, “coa súa estrutura descentralizada”, en palabras de Media Markt. Segundo engadiron a comezos de verán fontes da empresa, a incorporación de Ferrol aos servizos da mesma achegará, a maiores, un número importante de empregos indirectos, sobre todo coa contratación de servizos de mantemento, loxística, seguridade e publicidade.