Microsoft desenvolve un teclado con sensores de movemento

mércores, 30 de abril do 2014 Marcus Fernández

Tecnoloxías como Kinect ou Leap 3D fan posible o control de sistemas mediante xestos e sen contacto, e nesa liña os laboratorios de Microsoft están a traballan nun curioso teclado mecánico que agocha baixo as súas teclas sensores de proximidade que permiten debuxar o que hai sobre o mesmo, de xeito que podería interpretar os movementos das mans, o que podería permitir o control de sistemas informáticos sen o uso de rato ou touchpad.
Esta tecnoloxía baseada en infravermellos podería servirnos para simular un volante nun xogo de condución, desprazarnos por documentos de texto, movernos por mapas... en definitiva, para axilizar a interacción con ordenadores evitando a necesidade de tocar unha pantalla táctil, o que podería ser de utilidade en certos contornos nos que a pantalla estivese a certa distancia ou cando as medidas de hixiene non permitan tal (pois incluso poderiamos empregar o teclado sen chegar a tocalo realmente).
No estado actual do teclado desenvolvido a precisión aínda non é moita, pero pode resultar suficiente para moitos contornos de traballo, polo que temos aquí unha solución tecnolóxica con moito potencial.


Vídeo de presentación do teclado desenvolvido por Microsoft Research