Microsoft pretende facerse con parte de TikTok

luns, 3 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Nas últimas semanas TikTok está a vivir unha profunda crise por mor de distintos gobernos que están a procurar loitar contra o feito de que unha grande aplicación social con ligazóns en China poida empregarse para espiar aos seus cidadáns ou difundir mensaxes propagandísticas e, no caso dos EE.UU. a situación estaría a recruar, con declaracións do presidente Trump asegurando que ía bloquear completamente a aplicación.
Como saída a esta situación desvelouse durante a fin de semana que o máximo responsable de Microsoft, Satya Nadella, tivo unha xuntanza co presidente Donald J. Trump para discutir unha posible adquisición de parte de TikTok como solución a esta difícil situación. Dende Microsoft entenden que facerse cos negocios de TikTok nos EE.UU. poderían paliar os problemas sobre a seguridade desta aplicación social á vez que tamén suporía beneficios económicos.
Actualmente ByteDance ofrece a súa aplicación en China como Douyin e como TikTok no resto do mundo, e a intención de Microsoft sería segregar esta última para que contase cunha división específica para EE.UU., Canadá, Australia e Nova Zelandia, que pasaría a ser operada por Microsoft, transferindo os datos dos usuarios a territorio estadounidense e evitando que conten con copias fóra do país, evitando así o temor dos políticos norteamericanos de que o goberno da China puidese exercer presión sobre ByteDance para actuar fóra do seu territorio nacional.
Aínda que Trump falaba dun bloqueo inminente de TikTok nos EE.UU., dende Microsoft aseguran que as negociacións con ByteDance poderían estenderse até o 15 de setembro.

PUBLICIDADE