Mozilla péchalles a porta ás versións antigas de Java

mércores, 4 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Quen máis quen menos recibiu estes días un aviso de Firefox amosándolle a necesidade de ir mudando de versión de Java. A cousa ten a súa explicación nun obxectivo claro da fundación Mozilla, entidade responsábel do devandito navegador aberto: o obxectivo de mellorar ao máximo o funcionamento da ferramenta onde se descargue e se use. Cousa que non sería posíbel de non liberarnos das extensións e dos complementos que teñamos ligados ao navegador no noso equipo, recursos que non só poden estar a estas alturas máis que obsoletos senón que mesmo presentan risco de achegar vulnerabilidades ante malware ou ataques informáticos.
Con este motivo, Mozilla tomou a decisión de engadir as versións antigas de Java á súa listaxe de bloqueo global, o que implica que as achegas JDK e JRE de Java enchen xa as fileiras dunha clasificación composta de extensións, na súa maioría. Máis polo miúdo, a fundación fixo cambios no seu navegador web para Windows co fin de que impedir o uso de tódalas versións antigas do plug-in que conteñan no seu vulnerabilidades críticas. No anuncio destas medidas dáse a entender que as devanditas eivas terían arranxo inmediato de actualizarmos a nosa versión de Java coa máis recente dispoñíbel. Mentres tanto, tódalas versións dende a 6u30 para abaixo fican bloqueadas. Cómpre lembrar que as aplicacións e recursos baseados na linguaxe Java, desenvolvida por Sun arestora ao acubillo de Oracle, levan tempo cuestionados por grandes compañías do sector por incluír no seu seo importantes buratos de seguridade. A medida de Mozilla, polo de agora, céntrase en sistemas Windows, pero non se descarga aplicala en OS X.

PUBLICIDADE