NOVA FTE premiará 12 iniciativas galego-portuguesas ligadas ás tecnoloxías esenciais

martes, 1 de xuño do 2021 Sandra Rivadulla

O proxecto NOVA TFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras), ten aberto o prazo para un concurso de ideas ata o 16 de xuño. Desta forma, preténdese apoiar o desenvolvemento de 12 proxectos de emprendemento, baseados no coñecemento científico-técnico.
NOVA TFE é unha iniciativa multidisciplinar formada por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial. Ademais, son socios do proxecto a Mancomunidade de O Salnés, o Concello e a Deputación de Ourense e a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença
O proxecto conta cun orzamento total de 811.200 euros, a maiores dos 762.874,50 euros de financiamento FEDER, dos fondos europeos de desenvolvemento rexional. Así, o concurso de ideas “distínguese de aqueles proxectos que inclúen solucións innovadoras de base tecnolóxica relacionados coas tecnoloxías facilitadoras esenciais nos procesos propios de calquera actividade e que poden ser incorporables, pois aborda o reto da transformación dixital e a posta en marcha da Industria 4.0”.
No concurso poden presentarse tanto ideas empresariais en fase inicial como proxectos empresariais cun grao de madurez suficiente. Por iso, os participantes deberán ser persoas maiores de 18 anos con residencia en Galicia ou o Norte de Portugal, ademais de contar cunha idea ou proxecto de emprendemento, que posúa capacidade para desenvolver ou aproveitar as TFE nos procesos de fabricación ou como compoñentes básicos de produtos ou servizos que aposten por modernizar os sectores tradicionais.
Con todo, os 12 proxectos seleccionados como gañadores terán como premio a posta a disposición de cada un deles da “sensórica necesaria que teñan solicitado para unha proba piloto ou de concepto”. Esta sensórica, detállase nas bases e ten dúas opcións: ser comprada de forma específica por recomendación da idea gañadora ou facilitada á idea gañadora en caso de que o equipo xa estea en disposición das distintas entidades socias.
Para aqueles que precisen máis información sobre o certame, haberá un seminario virtual titulado Transformando os datos en coñecemento a cargo de Álvaro Dosil, CEO de TripleAlpha, o día 8 de xuño.

PUBLICIDADE