Novo espazo dixital de formación para autónomos

luns, 11 de maio do 2026 Redacción

No marco do compromiso da Xunta co emprego por conta propia, o Goberno galego puxo en marcha o novo Campus formativo de emprego autónomo, un espazo dixital dirixido a autónomos, emprendedores e comerciantes co obxectivo de impulsar e mellorar os seus negocios mediante formación práctica, accesible e enfocada a resultados.
A plataforma de teleformación gratuíta busca reforzar a capacidade de adaptación do tecido produtivo galego cunha programación actualizada e centrada nas necesidades reais do mercado. A iniciativa pretende contribuír á mellora da competitividade, da dixitalización e da sustentabilidade dos negocios.
Os cursos teñen un formato breve e flexible, adaptado ao ritmo de aprendizaxe de cada usuario. Cada formación estrutúrase en 10 módulos con pílulas formativas duns 5 minutos de duración, ás que se engaden retos prácticos para aplicar os coñecementos adquiridos. Ademais, os participantes dispoñen de titorización especializada para resolver dúbidas e recibir acompañamento personalizado ao longo do proceso.
Actualmente xa está dispoñible o curso Vender por WhatsApp Business con mensaxes, seguimento e peche, centrado no uso profesional desta ferramenta como canle de venda e atención ao cliente, con contidos orientados á actividade diaria dos negocios.
Nas próximas semanas incorporaranse novas accións formativas, entre elas Valórate: rentabiliza o teu negocio con prezos, custos e descontos ben definidos, unha proposta práctica pensada para autónomos e microempresas que permitirá aprender a calcular custos reais, establecer prezos rendibles e optimizar marxes comerciais. A formación inclúe casos prácticos e estratexias de prezos, descontos e vendas (tamén a través de WhatsApp) para incrementar o ticket medio. Os participantes contarán igualmente con ferramentas, modelos e un plan de acción de 30 días para profesionalizar a xestión económica do negocio.
Tamén está previsto o curso Persoa autónoma ou sociedade: alta e obrigas básicas, enfocado en explicar de maneira práctica como darse de alta como autónomo ou constituír unha sociedade cumprindo coas obrigas legais, fiscais e administrativas. A formación repasará os trámites necesarios, os modelos oficiais e os principais requisitos para xestionar a actividade con seguridade, ademais de ofrecer unha visión xeral sobre estrutura legal, facturación, impostos e mantemento do negocio desde o inicio.