O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Agustín Fernández Paz

venres, 29 de maio do 2026 S. P.

O Álbum de Galicia, enciclopedia biográfica en liña do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora desde este 29 de maio (coincidindo coa data do seu nacemento) a entrada de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947 – Vigo, 2016), en palabras do CCG “unha das voces fundamentais da literatura galega contemporánea e referencia imprescindible da literatura infantil e xuvenil”.
Manuel Bragado e Isabel Soto asinan a biografía do autor vilalbés e defíneno como “escritor, mestre, activista, piar da literatura infantil e xuvenil galega”.
A entrada online ofrece un amplo percorrido vital e intelectual pola súa traxectoria, desde a infancia en Vilalba ata a súa consolidación como un dos autores galegos máis lidos e recoñecidos dentro e fóra de Galicia. O texto pon o foco na importancia da súa educación para a súa carreira literaria posterior, nas lecturas que marcaron ao autor e no seu compromiso coa lingua e coa renovación pedagóxica na súa vida. A biografía lembra que Vilalba foi sempre o seu “centro do mundo”, escenario dunha infancia marcada polos libros, os tebeos, o cine e as historias orais que alimentarían posteriormente o seu universo literario.
Ao longo da entrada recóllese tamén a súa intensa actividade como docente, renovador pedagóxico e activista cultural. A súa participación en colectivos como Nova Escola Galega, Avantar ou ProLingua aparece ligada a unha concepción da educación e da literatura como ferramentas de transformación social.
O percorrido pola súa obra lembra títulos xa clásicos como Cartas de inverno, Contos por palabras, O único que queda é o amor ou Aire negro, así como os numerosos premios e recoñecementos que recibiu ao longo da súa carreira, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con 795 entradas, das cales as máis recentes son as de África Leira, Concha do Canizo, a entrada colectiva da plataforma galega de dereito ao aborto, Heidi Kühn-Bode ou Luisa Villaverde. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.