O Apple Watch sairá á venda en 9 países o 24 de abril

luns, 9 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Na presentación de hoxe poucos detalles novos se deron sobre o Apple Watch que fosen máis aló da súa data de lanzamento e o seu prezo, pois estabamos ante un produto xa presentado hai varios meses, do que certos detalles como o uso que realmente farán os usuario do mesmo non se coñecerán ben até que estea no mercado.
Como xa se tiña comentado, o reloxo de pulso de Apple chegará ao mercado en 3 modelos con 2 tamaños diferentes. O modelo máis básico sería o deportivo, o Apple Watch Sport, que chegaría con caixas de aluminio de 38 ou 42 milímetros, vidro Ion-X, coroa dixital, correa deportiva, pantalla Retina con Force Touch, sensor de frecuencia cardíaca, acelerómetro, xiroscopio, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, altofalante, micrófono, unha batería cunha autonomía de até 18 horas e resistente á auga, que custaría 349 ou 399 dólares en función do seu tamaño.
O modelo que poderíamos considerar normal sería o Apple Watch, con caixa de aleiro inoxidable de 38 ou 42 milímetros, cristal de zafiro e prezos que se situarían entre os 549 e os 1.099 dólares en función do tamaño (que supón unha diferenza de prezo de 50 dólares entre modelos) e da correa incluída.
E, finalmente, o Apple Watch Edition, con caixa de ouro amarelo ou rosa de 18 quilates de 38 ou 42 milímetros e cristal de zafiro chegarían nun número de unidades moi limitado, a só uns poucos puntos de venda e a un prezo que partiría dos 10.000 dólares (o prezo máximo deste modelo non se desvelou).
Os novos Apple Watch poderán verse nas tendas oficiais de Apple a partires do 10 de abril, para que o público poida probalos e así decidir se formaliza a súa reserva, para poder facerse cun destes trebellos o 24 de abril, que é a data na que sairán á venda en EE.UU., Reino Unido, Xapón, Hong Kong, Alemaña, Francia, China, Canadá e Australia.
Un dos puntos fortes deste reloxo é a súa personalización, tanto no momento de elixir modelo como á hora de configurar a aparencia da súa pantalla, podendo seleccionar numerosos aspectos para a aplicación de reloxo (acompañada por complicacións, pequenos elementos adicionais que poden informar de alarmas, fases da lúa, temporizadores, o calendario, a bolsa, o tempo, a posta do sol...), que contará tamén cun modo de vista rápida, para axilizar o acceso a funcións que se empreguen con frecuencia como podería ser a consulta do tempo ou o control da reprodución multimedia, que estarían dispoñibles cun simple xesto.
Aínda que a consulta da hora debería ser a principal función do Apple Watch, este dispositivo tamén destaca como accesorio para a comunicación, facilitando certas interaccións con outros usuarios de Apple Watch como o intercambio de debuxos feitos a man alzada sobre a pantalla do reloxo, compartir o ritmo cardíaco en tempo real, transmitir toques entre dispositivos ou enviarse emoticonas a través de ferramentas de correo instantáneo. Tamén é unha boa ferramenta para recibir notificacións do móbil, e grazas á incorporación de micrófono e altofalante incluso podería empregarse para falar por teléfono ou para ditar mensaxes de voz (que poderían compartirse como voz ou convertidas a texto), aínda que espérase que o micrófono teña como principal uso a interacción co asistente virtual Siri.
Un detalle salientable do Apple Watch é que comunícase co iPhone tanto por Bluetooth como por Wi-Fi, o que permitiría que os usuarios non tivesen que cargar co smartphone dentro do seu fogar, senón que aproveitarían o reloxo para estar comunicados a cada momento.
O que si parece que será o punto forte do Apple Watch son as aplicacións, que poden descargarse a través dunha aplicación móbil dispoñible dende iOS 8.2 que permite a xestión da configuración do accesorio e a descarga de aplicacións feitas con funcionalidades dirixidas ao Apple Watch. O accesorio de pulso tamén é compatible coa meirande parte de notificacións que reciba o móbil, o que permitirá que poidamos recibir avisos incluso a certa distancia do teléfono e entre os seus puntos fortes está o feito de poder empregarse como dispositivo de pagamento a través de Apple Pay ou para levar as nosas entradas de cine ou tarxetas de embarque grazas a Passbook.
Tamén podemos destacar que o Apple Watch pode ser un bo complemento para a actividade deportiva, o que nos EE.UU. quixeron exemplificar a través dunha sección na súa páxina web titulada Christy Turlington Burns, na que irán detallando o uso do Apple Watch que a modelo Christy Turlington vai facendo de cara á súa participación na Maratón de Londres. Este espazo comeza xa con detalles da súa participación na Media Maratón do Kilimanjaro, coa que a modelo buscaba achegar fondos para a súa organización sen arela de lucro Every Mother Counts, dedicada a achegar seguridade aos embarazos e partos de cada nai (en resposta a que cada 2 minutos morre unha muller por complicacións no seu embarazo que poderían terse evitado no 98% dos casos).

A partires do 10 de abril nas tendas de Apple nos países onde se lanzará inicialmente o Apple Watch poderase ver o dispositivo e realizar a súa reserva


Vídeo promocional do Apple Watch