O BNG estrea canle de comunicación en formato podcast, Radio Frontón
luns, 19 de setembro do 2022
O
BNG
estreou este mes de setembro unha nova canle de comunicación, Radio
Frontón, un podcast que fará divulgación a través das
súas redes sociais nun formato que, en palabras da agrupación
nacionalista, “ten cada vez máis seguidoras e seguidores”. O
obxectivo, engaden, “é contribuír ao debate sobre cuestións de
actualidade ou temas que preocupan á cidadanía e que non sempre son
capaces de abrirse espazo na esfera pública”. Radio Frontón
arranca poñendo o foco na cuestión da gordofobia.
Tomando
como punto de partida unha recente reflexión da eurodeputada Ana
Miranda no seu muro de Facebook, este primeiro podcast repasa este
asunto con persoas expertas na materia, procedentes das áreas da
psicoloxía ou da sanidade pública, entre elas a deputada e médica,
Iría Carreira. Carreira explica que “a obesidade está cualificada
como unha patoloxía desde fai moito tempo, enfermidade que ademais é
un factor de risco para padecer outras, pero non pode ser amparo para
actitudes discriminatorias e que mesmo poden xerar outro tipo de
problemas de saúde nas persoas que as sofren”, alega.
A
orixe desta primeira entrega do podcast está como dixemos nunha
reflexión de Miranda nas redes sociais: “Abres o Facebook e xa che
lembra que debías adelgazar, facer exercicio e dietas milagrosas,
botar cremas. Aquí vai a resposta a tanta gordofobia
inherente, persistente, maleducada. Farta de gordofia nas redes, nos
ollares e no subliminar”.
A
deputada do BNG no Parlamento Europeo, explica no podcast o porqué
dese comentario. “Como moitas outras persoas teño tendencia a
engordar e levaba varios días mosqueada porque cada vez que abría o
teléfono aparecíanme anuncios de cremas adelgazantes e redutoras,
ximnasios milagreiros e non sei cantas cousas máis. E ese día
cabreeime e decidín poñer o comentario”, explica.
Radio
Frontón, que pode escoitarse xa nas redes sociais do Bloque,
emitirase con periodicidade regular abordando temas de actualizade
cos que contribuír a poñer o foco en cuestións de gran afectación
social, aportando voces e argumentos ao debate de temas que interesan
á cidadanía.
