O CCG inaugura o proxecto Voces da ciencia cun podcast sobre o químico Fernando Fraga
venres, 8 de outubro do 2021
O
Consello
da Cultura Galega e a Asociación Galega de Comunicación de Cultura
Científica presentaron este 8 de outubro, coincidindo coa
celebración do Día da Ciencia en Galicia, o proxecto Voces da
ciencia, unha
iniciativa para indagar ao redor das nosas investigadoras e
investigadores e as súas máis importantes contribucións. Cada
mes publicarase na web do CCG unha nova entrega que arrinca este día
8 coa voz do químico Fernando Fraga.
Fernando
Fraga (Santiago de Compostela, 1922 - Nigrán, 2020) foi un químico
que dedicou boa parte da súa carreira investigadora aos océanos. De
feito, dicían os seus colegas que “tiña o océano na cabeza”.
Os seus traballos permitiron escribir por primeira vez como o
afloramento costeiro é o causante da altísima produtividade das
Rías Galegas. A entrevista que abre este proxecto é unha das
últimas que concedeu e dos poucos rexistros sonoros que existen coa
súa voz.
O
podcast sobre a súa vida e traxectoria científica foi elaborado a
partir da entrevista inédita realizada a Fernando Fraga en xullo de
2019, cando este contaba con 97 anos, por Luisa Martínez Lorenzo da
Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e os
investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español
de Oceanografía Santiago Fraga Rivas e Francisco Rodríguez
Hernández. A edición sonora é de Manuel Vicente.
