O CDTIC acollerá a presentación dunha aplicación libre de contabilidade para empresas

luns, 16 de xullo do 2018 Redacción

O vindeiro 19 de xullo de 10:00 a 12:00 horas o CDTIC en Santiago acollerá a sesión Facturascripts a mellor alternativa para o seu negocio, organizada pola AMTEGA, AGASOL e Ítaca Software Libre, tendo como obxectivo presentar FacturaScripts, un programa software libre de uso doado, accesible e potente, que permite levar ao día a contabilidade da empresa, xa que xera ao momento todo o necesario para que os responsables poidan centrarse no seu negocio.
Conforme fai as facturas ou albarás, dá de alta os clientes ou provedores, engade os produtos ao catálogo e xera os asentos contables. No mesmo proceso calcúlanse os prezos de custo ou asígnanse os de venda. Tamén permite facer orzamentos e cun par de clics, convertelos en pedidos, albarás ou facturas, co que se aforra tempo de xestión.
Esta sesión demostradora, impartida polos integrantes da cooperativa Ítaca Software Libre, Asier Epelde e Yolanda Sánchez, está dirixida a todas as empresas que busquen simplificar as súas xestións ou esquecerse de complexos programas de facturación e contabilidade que lles obriguen a configurar centos de opcións antes de empezar a traballar.
Para participar na actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde e aínda é posible facela, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.