O CESGA celebra o 20 de novembro o seu 25 aniversario

luns, 5 de novembro do 2018 Redacción

O vindeiro 20 de novembro a Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA) conmemorará o seu 25 aniversario. O acto desenvolverase en horario de 13:00 a 14:00 horas no salón de actos da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, no Campus Sur. As persoas que estean interesadas en acudir á celebración, poden formalizar a súa inscrición a través da web do centro.
O CESGA, que xa participou este ano noutras actividades de conmemoración destes 25 anos de traballo (por exemplo o pasado mes de maio, facendo un percorrido polas orixes da arribada de Galicia á Internet, que coinciden co posta en marcha do CESGA, precisamente), quere co devandito acto do 20 de novembro visualizar o pasado, o presente e o futuro do centro, amais de mostrar a importancia e as contribucións das tecnoloxías que acubilla e ofrece (sistemas de cálculo de alto rendemento, de aprendizaxe máquina, de análise de Big Data, etc) para a nosa cidadanía, as nosas empresas, os nosos centros tecnolóxicos e de investigación e as nosas entidades en xeral.
Como lembraremos, o CESGA foi inaugurado o 10 de maio de 1993. Ao longo da súa andaina, foi recoñecido como Infraestrutura Científico–Técnica Singular Española (no ano 2008, polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade) e ten figurado nunha decena de ocasións entre os 500 supercomputadores máis potentes do mundo.
A súa misión é “contribuír ao avance da ciencia e da tecnoloxía en beneficio da sociedade”. Así, desde a súa creación o CESGA desenvolve e xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, unha infraestrutura de comunicacións avanzadas para Galicia que interconecta a práctica totalidade dos axentes no sistema de I+D+i en Galicia.
Hoxe, en coordinación coa RedIRIS, a rede española que proporciona servizos avanzados de comunicacións á comunidade científica e universitaria, o CESGA xestiona as súas propias liñas de fibra escura e proporciona conexións internacionais vía Portugal. Así mesmo, desde 2007 o CESGA acolle o supercomputador Finis Terrae, un referente internacional en canto a cálculo científico e técnico en supercomputación de memoria compartida.
Para dar unha idea do que ofrece o centro, tan só no 2017 máis de 135 proxectos de I+D+i se beneficiaron dos servizos avanzados en cómputo, almacenamento e comunicación ofrecidos polo CESGA. Ademais, nos últimos anos, o centro vén traballando cunha media de 70 empresas, centros tecnolóxicos privados e asociacións empresariais ao ano.