O CESGA achega tecnoloxía para un proxecto do INIA que favorece a adaptación dos bosques ao cambio climático
martes, 5 de febreiro do 2019
Poden
cousas como a supercomputación, o cálculo de alto rendemento e os
computadores avanzados combater a destrución do noso medio natural,
achegando claves para reverter o proceso? A resposta, xa o dixemos
máis veces, é positiva, e os resultados, neste senso, non son novos
nin illados. O Centro de Investigación Forestal (CIFOR) do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología
Agraria y Alimentaria (INIA) vén de mostrar os detalles dunha
iniciativa que mitiga os dramáticos cambios que está a sufrir o sur
da Península por mor do cambio climático. Na iniciativa bótase man dos recursos do Centro de Supercomputación de Galicia.
En
Andalucía constatouse a desaparición de bosques enteiros. O cambio
climático provoca a perda de superficie arbórea e os incendios
complican a recuperación de áreas forestais. Un equipo do Centro de
Investigación Forestal (CIFOR), con sede en Madrid, creou unha
técnica para a adaptación xenética das especies aos cambios
ambientais. Baséase no seguinte: só as máis resistentes á seca
lograrán sobrevivir. A ferramenta estatística, elaborada cos
recursos proporcionados polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA),
mide a selección natural que está a actuar sobre as poboacións das
especies. O novo método permite establecer un ranking das
máis ameazadas.
As
árbores están sometidas a uns niveis de estrés hídrico que non
padecían dende hai moito tempo. A falta de choivas e o aumento das
temperaturas poñen en risco a supervivencia dalgunhas poboacións de
especies forestais. De feito, en Andalucía, e en moitas outras
rexións do planeta, desapareceron bosques enteiros. O científico
estadounidense Craig Allen advertiu xa no 2008 de que o cambio
climático está a provocar a perda progresiva de grandes superficies
arbóreas, causando a morte de millóns de hectáreas verdes en
distintas partes do mundo.
Serán
as especies forestais capaces de adaptarse ás novas condicións
ambientais? É unha das preguntas clave dos últimos tempos para a
comunidade científica.
Cando
nacen novas plantas nunha superficie, máis do 90% morre durante o
primeiro ano. A seca é o principal motivo desta elevada mortalidade
en especies coma o piñeiro. Só os xenotipos con maior capacidade de
adaptación á falta de auga sobrevivirán. A caracterización dos
recursos xenéticos é básica tamén para analizar a rexeneración
das áreas forestais tras un incendio. Pero, os cambios evolutivos
serán o suficientemente rápidos para que as especies se adapten ao
medio?
Segredos
xenéticos
Á
vista de todo isto, os científicos precisan con urxencia detectar
rexións do xenoma das especies con tolerancia á seca. Os marcadores
moleculares obtidos dalgunhas especies coma o pino poderán usarse
para caracterizar outras poboacións de Europa resistentes a baixas
cantidades de auga, de maneira que será posible prever de forma
científica se sobrevivirán aos cambios ambientais. O Departamento
de Ecología y Genética Forestal do Centro de Investigación
Forestal (CIFOR) do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología
Agraria y Alimentaria (INIA) púxose mans á obra.
O
proceso de estudo levado a cabo polo grupo de xenética de poboacións
e evolución (GPE) do CIFOR, con cinco investigadores titulares, non
é sinxelo e implica o manexo dunha grande cantidade de datos, así
como a creación de métodos estatísticos ata agora inexistentes.
A
investigación require, en primeiro lugar, a recollida de mostras in
situ. “Centrámonos no estudo do pino. Recollemos mostras de
plantiñas acabadas de xerminar. Volvemos ao mesmo lugar catro meses
despois e tomamos outras mostras e, uns meses máis tarde, coas
plantas que seguían no lugar realizamos a terceira toma. En total
foron unhas 300 mostras. Xa no laboratorio, extraemos o ADN e
xenotipámolas con 384 marcadores moleculares”, explica o
coordinador do proxecto de investigación, Juan José Robledo.
Para
detectar rexións do xenoma asociadas a procesos de selección
natural que operan en fases temperás da rexeneración natural das
masas forestais, o grupo desenvolveu un novo método de inferencia
bayesiana. O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)
achégalle a capacidade necesaria para o tratamento de tal cantidade
de datos.
Métodos
con supercomputación
“O
testado destes métodos ten uns requirimentos moi altos en termos de
tempo de computación. Grazas aos servidores do CESGA estas análises
numéricas puideron realizarse nunhas poucas semanas, mentres que
terían precisado varios anos de cálculo nun ordenador normal”,
conta Robledo.
Pero,
para que sirve este método? Para atopar trazas de selección natural
nas mostras das especies, segundo Robledo. Na mortalidade poden
influír outros factores alleos á xenética das plantas, como unha
praga, ou que outros animais as devoren, por exemplo. Son os chamados
procesos estocásticos da mortalidade. “Máis alá destes factores
externos que non dependen da especie en si mesma, este método
permítenos saber, con moita precisión, se hai unha selección
natural”, expresa o investigador. En definitiva, a detección de
xenotipos que sobreviven mellor que outros.
Para
a posta a punto e testado deste particular método, o grupo tivo que
realizar unha chea de simulacións ficticias de distintas poboacións
forestais, manexando unha cantidade inxente de información. “É o
xeito de asegurármonos de que non hai lugar a estimacións erróneas,
sen risco de falsos positivos”, comenta Robledo. Neste cruce de
datos foi crucial a capacidade achegada polo CESGA: o grupo utilizou
250.000 horas de cálculo para culminar a ferramenta estatística.
Mapas
de vulnerabilidade
Coas
mostras reais de piñeiro recollidas en Fuencaliente (Ciudad Real), e
utilizando o novo método, o grupo é quen de obter marcadores
moleculares de diagnóstico que serven para elaborar mapas da
vulnerabilidade desta especie á seca.
O
equipo xa detectou cinco marcadores sometidos a un proceso de
selección natural, é dicir, que inciden na probabilidade de
supervivencia do piñeiro en condicións adversas. Eses marcadores
xenéticos son a proba de que existe variación xenética adaptativa
entre individuos e entre distintas poboacións.
Con
esta información, a comunidade científica conta cunha ferramenta
estatística para realizar un ranking das poboacións que se
van ver máis ameazadas en condicións de falta de auga. “Se se
teñen en conta outros indicadores ligados ás condicións ambientais
de cada área pódese definir a supervivencia de especies forestais
por zonas xeográficas”, conclúe o investigador.
