O CITIC presenta unha conferencia de Rubén Cuevas sobre como medir e reducir a pegada enerxética da IA

mércores, 21 de xaneiro do 2026 S. P.

O vindeiro mércores, 28 de xaneiro ás 12 horas, o CITIC da Universidade da Coruña acollerá a conferencia titulada: Un enfoque científico-práctico para a IA verde, impartida por Rubén Cuevas, profesor titular da Universidade Carlos III de Madrid, subdirector do Instituto UC3M-Santander de Big Data e CEO e cofundador da empresa tecnolóxica Hiili. O encontro terá lugar na Sala Cloud do Centro TIC.
Cómpre dicir que a charla atópase inserida no ciclo Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable, da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes e abordará un dos principais retos actuais do desenvolvemento tecnolóxico: o elevado consumo de enerxía, auga e as emisións de carbono asociadas á Intelixencia Artificial xerativa. Este impacto ambiental, cada vez máis documentado e asumido socialmente, formula importantes desafíos de cara ao crecemento previsto destas tecnoloxías nos vindeiros anos.
Rubén Cuevas presentará a metodoloxía desenvolvida por Hiili para medir con precisión o consumo enerxético dos modelos de IA xerativa, un aspecto clave para avanzar cara a sistemas máis eficientes e sostibles. A partir deste enfoque, introducirase GreenBrainAI, unha solución deseñada para optimizar o uso de modelos de genAI, mantendo o rendemento para as persoas usuarias e reducindo de maneira significativa o consumo enerxético.
Achegándonos a Rubén Cuevas, sinalar que é autor de máis de 80 publicacións científicas internacionais e participou en máis de 40 proxectos de investigación, liderando máis dunha vintena deles. O seu traballo céntrase en servizos dixitais enerxeticamente eficientes, publicidade en liña, transparencia web e privacidade, e foi recoñecido con diversos premios de eido nacional.
Engadir que a conferencia está pensada para a comunidade universitaria, profesionais do ámbito tecnolóxico e a todas as persoas interesadas no desenvolvemento responsable e sostible da IA. O acceso é libre ata completar aforo, pero require inscrición previa.