O CITIC quere liderar a computación cuántica en Galicia co seu Quantum Lab

martes, 26 de maio do 2026 Redacción

A Universidade da Coruña presentou hoxe o Quantum Lab do CITIC, un novo espazo científico estratéxico e interdisciplinar chamado a converterse nun referente galego da computación cuántica aplicada. O reitor da UDC, Ricardo Cao, deu a coñecer a iniciativa nun acto celebrado na Reitoría da universidade, acompañado polo investigador do CITIC Diego Andrade, un dos impulsores do proxecto. Tamén participaron o director do CITIC, Manuel G. Penedo, o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, e parte do persoal investigador implicado nesta iniciativa.
Ricardo Cao destacou que «o Quantum Lab do CITIC é unha infraestrutura clave para impulsar a investigación, a innovación e a transferencia tecnolóxica en Galicia, contribuíndo ao desenvolvemento dun ecosistema avanzado arredor das tecnoloxías cuánticas». Ademais, subliñou que a posta en marcha deste laboratorio reforza o papel da universidade dentro da estratexia galega neste ámbito científico.
Diego Andrade explicou que o principal obxectivo pasa por crear sinerxías entre grupos de investigación, captar financiamento para novas infraestruturas e ampliar a capacidade investigadora neste eido. Segundo indicou, isto permitirá incrementar o impacto científico e facilitar a transferencia de resultados cara ás empresas.
Manuel G. Penedo incidiu tamén na dimensión aplicada da iniciativa ao sinalar que «este laboratorio nace cunha clara vocación de transferencia: queremos que a computación cuántica deixe de ser teórica e se converta nunha ferramenta útil para a industria e a sociedade».
O laboratorio preséntase como un espazo aberto e colaborativo dirixido á comunidade investigadora, centros tecnolóxicos e empresas, coa finalidade de integrar computación clásica e tecnoloxías cuánticas emerxentes para afrontar problemas de alta complexidade algorítmica que exceden as capacidades da informática convencional.
A iniciativa conta cun investimento estratéxico de 1,04 millóns de euros achegados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación, cofinanciados pola Unión Europea. Este apoio reforza a posición do CITIC como nodo de excelencia en tecnoloxías cuánticas, con aplicacións potenciais en saúde pública, ciberseguridade industrial, transición enerxética e finanzas internacionais.
O Quantum Lab do CITIC funcionará como unha contorna de investigación avanzada na que converxerán a intelixencia artificial, a computación de altas prestacións e a computación cuántica para desenvolver solucións híbridas. Entre as súas principais liñas de traballo figura o Quantum Machine Learning e a intelixencia artificial cuántica, centrados no desenvolvemento de modelos híbridos cuántico-clásicos capaces de procesar datos complexos en escenarios de elevada incerteza.
Tamén terá un peso relevante o benchmarking de arquitecturas cuánticas, orientado a comparar o rendemento de sistemas cuánticos coa supercomputación clásica para avaliar o seu grao de madurez tecnolóxica e a súa aplicabilidade industrial.
O laboratorio desenvolverá igualmente algoritmos destinados á análise automatizada de rexistros médicos en colaboración con institucións clínicas internacionais. Nas finanzas cuantitativas traballarase en algoritmos para optimización de carteiras e modelización de riscos en escenarios complexos, tamén en cooperación con entidades internacionais do sector.
A infraestrutura tecnolóxica inclúe un sistema físico SpinQ de tres qubits baseado en resonancia magnética nuclear, orientado á experimentación, á docencia avanzada e á validación de algoritmos. Ademais, contará cun emulador cuántico de nova xeración desenvolvido no propio CITIC para a simulación a grande escala de circuítos cuánticos complexos e a optimización de algoritmos en contornos libres de ruído.
Toda esta infraestrutura estará integrada cos sistemas de Computación de Altas Prestacións do CITIC, permitindo fórmulas híbridas nas que computación clásica e cuántica operen de maneira coordinada para maximizar a eficiencia dos procesos. O laboratorio incorpora tamén equipamento específico para comunicacións cuánticas e criptografía, orientado ao desenvolvemento de solucións avanzadas de ciberseguridade e transmisión segura de información.
O Quantum Lab do CITIC concíbese ademais como un espazo de coinnovación aberto a empresas e institucións, que poderán acceder á infraestrutura para probas de concepto, validación de algoritmos e desenvolvemento de proxectos piloto. Tamén ofrecerá servizos de benchmarking e auditoría tecnolóxica para avaliar a viabilidade das tecnoloxías cuánticas antes da súa implantación industrial.
Neste ecosistema terá un papel destacado a Cátedra ITG-UDC en Tecnoloxía Cuántica, creada para fomentar a transferencia de coñecemento e a formación de talento especializado. O proxecto manterá ademais conexións con redes estratéxicas como o CESGA, a Rede de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia e plataformas europeas como Quantum Excellence Centre e ETP4HPC.
O equipo do laboratorio participa xa en diversos proxectos europeos e estatais vinculados á computación cuántica e á intelixencia artificial. Entre eles figuran iniciativas centradas na avaliación de arquitecturas cuánticas, proxectos de cooperación entre España e Portugal para fortalecer o ecosistema cuántico ibérico e estudos que combinan IA e computación cuántica para analizar trastornos do sono e mellorar sistemas de predición mediante técnicas de deep learning.
Tamén colabora en investigacións sobre casos de uso en saúde e finanzas, avaliación de sistemas cuánticos e proxectos industriais orientados ao descubrimento de fármacos e á mellora da eficiencia sanitaria.
O laboratorio contará cun equipo multidisciplinar formado por investigadores do CITIC e da UDC especializados en computación cuántica, intelixencia artificial, matemáticas aplicadas e supercomputación. A dirección científica estará encabezada por Manuel G. Penedo, xunto co subdirector do centro, Eduardo Mosqueira Rey, e o investigador Diego Andrade Canosa. O grupo complétase con investigadores sénior expertos en matemáticas aplicadas, supercomputación e arquitecturas híbridas, ademais de novos investigadores centrados en áreas como o machine learning cuántico, a optimización algorítmica e a simulación híbrida.