O CITIC seleccionará catro novos investigadores postdoutorais
luns, 27 de marzo do 2017
O
Centro de Investigación TIC
(CITIC) vén de iniciar un proceso de selección para contratar a
catro investigadores postdoutorais, do ámbito estatal ou
internacional e co nexo común de atesouraren carreiras científicas
consolidadas. Con esta convocatoria, que
se suma á das oito prazas que reflectimos os días pasados dende
Código Cero, o centro TIC da Coruña quere “afianzar a súa
proxección internacional e impulsar a transferencia tecnolóxica
cara ao sector produtivo e a sociedade”. O obxectivo fundamental:
captar enxeño e potenciar ao máximo a capacidade científica e
tecnolóxica do CITIC. De feito, esta convocatoria insírese de pleno
na aposta do Centro pola “consolidación do talento excelente”.
Os investigadores a contratar serán chamados a potenciar un total de
nove liñas de investigación do CITIC.
Con
esta convocatoria, en palabras do Centro, “quérese consolidar o
coñecemento científico avanzado e excelente das Áreas Tecnolóxicas
do CITIC, mellorar a profesionalización, aumentar a capacidade de
transferencia tecnolóxica cara ao tecido social e proxectar o
traballo de investigación desenvolvido no Centro cara ao ámbito
internacional”.
Como
dixemos, esta nova iniciativa de captación de talento súmase á
convocatoria de contratación de oito investigadores predoutorais
anunciada a mediados de mes. En total, polo tanto, incorporaranse 12
perfís para potenciar o esforzo científico que na actualidade
realízase no CITIC, o que suporá, en palabras do Centro, “unha
inxección de motivación para abordar novos proxectos de I+D+i”.
O
prazo para a recepción de solicitudes ficará aberto ata o vindeiro
3 de abril. Entre os requirimentos que deben reunir os candidatos
atópase o feito de estaren en posesión do título de doutoras/es
nalgún dos eidos técnicos relacionados coas 9 liñas de
investigación, tendo defendido e aprobado cadansúas teses despois
de xaneiro de 2012. Ademais os candidatos deberán contar con polo
menos 6 meses de estadías internacionais en centros de I+D distintos
ao da tese doutoral, agás que cursasen de maneira íntegra e obtido
o título de doutor nunha universidade estranxeira.
Todos
aqueles interesados deberán encher o formulario electrónico de
solicitude dispoñible na web do CITIC, citic-research.org, e enviar
a documentación requirida na convocatoria ao enderezo de correo
electrónico citic@citic-research.org.
Esta
acción enmárcase dentro das axudas para a acreditación,
estruturación e mellora dos centros de investigación singulares e
agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG),
da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da
Xunta de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento
Rexional.
Entre
os organismos distinguidos como Centros Singulares de Investigación,
no período 2016-2019, salienta o recoñecemento outorgado ao CITIC
da Universidade da Coruña (UDC), por ser o único centro galego TIC
que o recibe.
Pódese
consultar toda a información desta convocatoria a través da web do
CITIC.
As 9 liñas de
investigación seleccionadas polo Centro son:
1.
Arquitectura de Computadores e Computación de Altas Prestacións
2.
5G radio interface techniques
3.
Information Retrieval & Recommender Systems
4.
Medical Image Processing and Analysis
5.
Estatística e Investigación Operativa
6.
Técnicas e metodoloxías de seguridade en redes de comunicacións
utilizando ferramentas de análise masiva de información para a
detección de intrusións e outros tipos de ataque.
7.
Métodos matemáticos e simulación numérica en enxeñaría e
ciencias aplicadas.
8.
Aprendizaxe computacional.
9.
Investigación en técnicas de Intelixencia Artificial aplicadas ao
sector produtivo: Medicamento e Enxeñaría Civil.
