O CPEIG celebra este venres a súa XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

xoves, 11 de xuño do 2026 S. P.

O CPEIG celebra este venres a súa XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, unha gala que terá lugar no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a partir das 19:00 horas, e na que se entregarán os premios anuais da profesión.
Está previsto que preto de 500 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do sector.
Segundo informou o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, a Noite é “xa unha gala consolidada onde o Colexio pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiros en informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.

O xornalista deportivo Terio Carrera

Esta décimo oitava edición será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e contará coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey; a deputada provincial da área de Sectores Produtivos da Deputación da Coruña, Cristina Capelán; o alcalde de Ames, Blas García; a reitora da Universidade de Santiago (USC), Rosa Crujeiras; ou a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña (UDC), María José Lombardía; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
A gala estará conducida polo xornalista deportivo e presentador da TVG, Terio Carrera.

Jorge Luengo

Como artista invitado, o evento contará este ano coa actuación do afamado ilusionista e mentalista Jorge Luengo (Cáceres, 1984), coñecido como o mago da cella branca. Desde moi cativo interesouse polo mundo da maxia ata gañar en 2009 en Pekín o Premio Mundial de Maxia, con multitude de actuacións por todo o mundo, como no Museo de Louvre en París, no Centre de Congrès Pierre Baudis en Toulouse, ou no O2 Arena en Praga. Ademais, Luengo ten participado en numerosos concursos de televisión, como Masterchef Celebrity e Atrápame si puedes: Celebrity onde resultou gañador.

Premios da Noite

Premio Iniciativa Emprendedora
O recoñecemento foi para Startup Galicia, a asociación de emprendedores máis grande de Galicia que suma 130 socios que pertencen ao ecosistema e representan a preto de 200 startups.
Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática
A doutora en Informática Virginia Mato, codirectora da Cátedra ALDABA-WIB da UDC e UVigo para impulsar iniciativas que contribúan a dar visibilidade ás mulleres no mundo das TIC, recibe este galardón por ser un “referente próximo e necesario”, cunha traxectoria que demostra que as mulleres poden alcanzar o éxito na profesión.
Premio Traxectoria Profesional
O galardón concédese, a título póstumo, á doutora en Informática Paula Montoto. A pontevedresa traballou durante 25 anos como analista informática na compañía Denodo, nacida na Coruña e líder mundial en virtualización de datos, ademais de ser profesora na Universidade da Coruña.
Premio Especial CPEIG-En memoria de Hernán Vila
José Valiño, director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións de ABANCA, e José Manuel García Oya, socio director de Plexus Tech, reciben este recoñecemento pola súa contribución decisiva ao desenvolvemento e consolidación do ecosistema tecnolóxico galego.
Premio Iniciativa Empresarial
O recoñecemento foi para Sparc Foundry, a primeira empresa española, con sede en Vigo, dedicada á fabricación de semicondutores de última xeración, Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG. Ten en marcha as obras da súa planta no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, e prevé que estea operativa a finais de 2027 para cubrir a crecente demanda de dispositivos fotónicos nas telecomunicacións, automoción, IA ou no sector aeroespacial.
Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino
O recoñecemento recaeu en Loomi, plataforma web pedagóxica, creada por tres mozos estudantes da Universidade de Vigo –Anxo Lameiro, Marcos Martínez e Alejandro Sirvent–, para a personalización da docencia a nivel de infantil e de primaria con IA, co obxecto de que o profesorado poida transformar contidos curriculares en historias ilustradas e personalizadas en cuestión de segundos.
Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
O premio recoñece á Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes, iniciativa público-privada que promove a investigación, innovación e transferencia de coñecemento, difusión e divulgación da IA e os algoritmos verdes coa fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente.
Premio Iniciativa da Administración
A distinción foi para a Gerencia de Informática da Seguridad Social pola súa plataforma corporativa de atención ao cidadán. O proxecto, chamado ISAC (Infraestructura de Soporte de Atención al Ciudadano), é unha iniciativa clave na evolución do modelo de atención á cidadanía da Seguridad Social.
Premio e-Inclusión
O recoñecemento recaeu en OdiseIA, Observatorio del Impacto Social y Ético de la IA, por velar polo uso ético e responsable da intelixencia artificial. A organización, fundada en 2019, creou hai pouco a Fundación OdiseIA4Good para impulsar a IA ao servizo do ben común.
Premio Colaboración Interadministrativa
O Concello de Ames recibe esta distinción por impulsar a cooperación institucional como “ferramenta real de transformación económica e social”, consolidándose como “un dos municipios máis dinámicos de Galicia en materia de innovación, emprendemento e desenvolvemento tecnolóxico” con iniciativas como a xornada InnovAmes e a atracción de empresas tecnolóxicas, innovadoras e de base dixital ao seu entorno.
Premio Colexiada/o de Honra
Ramón López de Mántaras, pioneiro da intelixencia artificial en España e Europa, é o novo Premio Colexiado de Honra do CPEIG. O fundador do Instituto de Investigación en Inteligencia Artificial do CSIC recibe esta distinción “polo seu compromiso cunha visión ética, humanista e responsable da tecnoloxía”.
Premio Traballo Fin de Máster
O enxeñeiro informático David Zambrana, da Universidade da Coruña, gaña este recoñecemento polo seu proxecto dunha plataforma, chamada ShoppyEye, orientada a democratizar a observabilidade técnica e de negocio no comercio electrónico para pequenas e medianas empresas. Os finalistas, tamén da UDC, foron Alejandro Esteban, por un traballo sobre a seguridade nas redes informáticas actuais a través da integración de técnicas de IA, e Adrián López, polo deseño dun sistema de apoio á selección de participantes en ensaios clínicos no marco do proxecto iTrial do SERGAS.
Premio 18º Aniversario CPEIG-A Noite
O recoñecemento recaeu nas empresas Dell Technologies, DXC Technology e Taisa polo seu compromiso e apoio continuado ao evento durante máis de dez anos, ademais do seu respaldo sostido á profesión e ao ecosistema TIC galego, e a súa aposta pola innovación, o talento e a colaboración entre empresas, institucións e profesionais.
Premio Impulso Dixital Galicia
A distinción recoñece á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia polo seu liderado estratéxico na construción dunha Galicia más innovadora, dixital e preparada para enfrontar os retos do futuro, con iniciativas pioneiras en España, como o Plan integral de benestar dixital, a futura Lei de Educación Dixital de Galicia ou a posta en marcha da primeira Fábrica de Intelixencia Artificial aplicada á saúde en España.