O CPEIG e AMTEGA lembran a importancia de xerar seguridade nas TIC

xoves, 16 de xuño do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou este xoves en Santiago un encontro para impulsar na nosa terra recursos e desenvolvementos para salvagardar datos ao abeiro das novas tecnoloxías. A primeira Xornada de Ciberseguridade en Galicia, que acubillou un nutrido elenco de profesionais-relatores arredor das últimas novidades en materia de redes seguras, foi inaugurada hoxe a primeira hora por Mar Pereira, directora da axencia AMTEGA, entidade co-organizadora do evento (xunto con Emetel, patrocinadora, e Abanca e Ackcent, firmas colaboradoras).
Pereira, na sesión de apertura, salientou que o incremento da seguridade na rede é “unha das prioridades” da Axenda Dixital de Galicia 2020. O obxectivo: protexer os servizos públicos dixitais fronte a ameazas e crear “un clima de confianza” para espallar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.
Pereira dixo que os ciberataques xeran “un dobre prexuízo”. Por unha banda, o que causan directamente aos afectados. Pola outra, o clima de desconfianza que xeran na cidadanía respecto do uso de medios electrónicos. A directora de AMTEGA sinalou tamén que “aínda que os ataques informáticos non se poden evitar ao 100%, si se poden poñer os medios para minimizar o seu impacto”. Na súa opinión, a ciberseguridade é un aspecto imprescindible a ter en conta en calquera tipo de organización pública ou privada e tamén no ámbito persoal.
A xornada arrincou no Centro Abanca Obra Social (Praza de Cervantes) ao fío das 10.00 horas cunha benvida institucional na que participaron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o director xeral de Emetel, Manuel Lago; e Roberto Baratta, Global Executive VP and director of Loss Prevention, Business Continuity and Security de Abanca.
Participaron nos relatorios Francisco García Morán, chief IT advisor da Comisión Europea; Daniel Fírvida, analista en seguridade TI do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE); Gianluca D’Antonio, director de Seguridade da Información e Riscos Tecnolóxicos do ISMS; Guillermo Llorente, subdirector xeral de Seguridade e Medio Ambiente de Mapfre; Román Ramírez, fundador de Roote, responsable de Seguridade en Arquitecturas, Sistemas e Servizos de Ferrovial; e Fernando Picatoste, responsable de Prácticas en Seguridade de Deloitte España.
Tamén interviñeron Andrés Tarascó, socio fundador de Tarlogic Security; Rafael Ave, director adxunto de Emetel; e Carlos Eloy López Blanco, xerente de Tecnoloxía e Contornos Colaborativos de Estrella Galicia.