O CPEIG e a Xunta galardoados co Premio Alcanza da Asociación Española de Banca polo seu programa Navega con Rumbo

mércores, 27 de maio do 2026 S. P.

Foi onte, 26 de maio, o acto de entrega dos galardóns Premio Alcanza, en Madrid, ata a alí desprazouse Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), para recoller o recoñecemento ao programa Navega con Rumbo, na categoría de proxectos innovadores de capacitación dixital e ciberseguridade da Asociación Española de Banca, a través da súa Fundación AEB, dirixido a nenos, nenas e mocidade.
O galardón, dotado de 10.000 euros, concedéuselle na súa segunda edición á iniciativa do CPEIG e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

Navega con Rumbo polo Ciberespazo promove o uso seguro e responsable de Internet entre os escolares, profesores e familias. As claves do proxecto educativo son a realización de charlas divulgativas que imparten enxeñeiras e enxeñeiros informáticos colexiados en centros educativos de Galicia, para o alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de Formación Profesional Básica. Os contidos céntranse na prevención de riscos na rede, como o ciberacoso, a sobreexposición ou a perda de privacidade, e consellos para unha navegación útil. Elabóranse guías de boas prácticas, material didáctico que se pode descargar no portal de Navega con Rumbo.
Engadir que “Navega con Rumbo é un programa que leva 15 anos formando a nenos, nenas, familias e docentes no uso seguro e responsable de Internet, chegando xa a máis de 250.000 menores en Galicia”, asegurou Fernando Suárez no seu discurso de agradecemento.
Para rematar, o presidente do CPEIG salientou que este premio é un “recoñecemento emocionante ao traballo colectivo de moitas persoas que cren que a educación dixital pode cambiar vidas e protexer o futuro da nosa mocidade, ademais de dar visibilidade a un labor silencioso de moitos anos e, sobre todo, reforzar a idea de que protexer á nosa mocidade na contorna dixital é unha responsabilidade colectiva”.