O CPEIG premia á Gerencia de Informática da Seguridad Social pola súa plataforma de atención ao cidadán
xoves, 28 de maio do 2026
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio Iniciativa da Administración á Gerencia de Informática da Seguridad Social (GISS) polo seu proxecto ISAC (Infraestructura de Soporte de Atención al Ciudadano), unha iniciativa clave na evolución do modelo de atención á cidadanía da Seguridad Social. O galardón será entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebra o 12 de xuño en Santiago.
O CPEIG sinala que esta distinción recoñece como a tecnoloxía pode achegar os servizos públicos á cidadanía, non só para facelos máis eficientes, senón máis amables e persoais, ademais de evitar que o cidadán/a teña presentarse fisicamente a unha hora concreta nunha oficina pública.
O proxecto ISAC constitúe unha das principais apostas da Seguridad Social para transformar o seu modelo de relación co cidadán, mediante a creación dunha infraestrutura que integra distintas canles e permite ofrecer un servizo máis áxil, homoxéneo e adaptado ás necesidades reais da poboación.
O CPEIG valora que “máis alá da incorporación de novas ferramentas, o valor do proxecto reside no seu enfoque estratéxico e sostido no tempo”, que “a Seguridad Social impulsou este modelo como unha liña prioritaria, dotándoo de medios e orientándoo á mellora continua, co obxectivo de consolidalo como canle habitual de relación co cidadán”.
Así mesmo, un dos elementos diferenciais desta iniciativa é “o seu foco na adopción efectiva por parte dos equipos”, salienta o Colexio, engadindo que “o despregue de ISAC non se limitou á implantación tecnolóxica, senón que veu acompañado dun esforzo por integrar as novas canles na operativa diaria, facilitando o seu uso por parte dos profesionais e asegurando unha prestación de servizo coherente e de calidade”.
Para esta canle de atención, tanto a Tesorería General de la Seguridad Social como o Instituto Nacional de la Seguridad Social utilizan a Oficina Virtual de Atención Ciudadana, produto desenrolado pola empresa galega Councilbox. Esta solución permite levar a cabo procesos de atención remota con garantías, integrando funcionalidades como a identificación do cidadán, o intercambio de documentación ou a formalización de actuacións nunha contorna segura e doada de rastrexar.
O uso desta canle experimentou un crecemento importante nos últimos dous anos, consolidándose o seu uso.
Como dixemos, a entrega do galardón celebrarase o vindeiro 12 de xuño en Santiago, no marco da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, un evento de referencia que reúne a representantes do ámbito institucional e tecnolóxico para poñer en valor iniciativas destacadas no eido da enxeñaría informática e a transformación dixital.
