O CPETIG lembra a necesidade de prepararnos para unhas ameazas TIC que non paran de medrar

mércores, 8 de abril do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia organizou este martes na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense unha sesión ilustrativa e divulgativa sobre os principais delitos tecnolóxicos que sofren hoxe en día a Sociedade do Coñecemento e os seus usuarios. Falamos da Xornada de Informática Pericial do CPETIG que anunciamos os días pasados. Previamente á sesión, pola mañá, celebrouse unha rolda de prensa para presentar os principais temas a tratar na xornada. Entre os datos máis salientables achegouse o seguinte: a proliferación das TIC implica enormes ricos para a seguridade tanto persoal como das organizacións empresariais.
No acto informativo cos medios participaron a directora da ESEI, Ana Garriga; o secretario do CPETIG, Juan Luis Miguéns; e os dous relatores da xornada, José Luis Rivas, director de LIFe, Laboratorio de Informática Forense Europeo, e Víctor Salgado, avogado-socio do bufete Pintos&Salgado.
Os expertos coincidiron en salientar que “o complexo e cambiante escenario tecnolóxico pon de relevo o importante labor dos peritos informáticos, tanto en ámbitos laborais, como civís, ao obxecto de intervir en casos de ciberdelitos, cada vez máis frecuentes, como despidos laborais producidos a raíz de informacións publicadas en Facebook”.
Na rolda de prensa e ao fío do devandito (estre contexto de demanda crecente de peritaxe TIC), o CPETIG lembrou que conta cun Corpo Oficial de Peritos, COP, integrado por 21 profesionais, a disposición para asistencia en casos penais, en virtude do convenio asinado coa Dirección Xeral de Xustiza.
“A privacidade está máis ameazada que nunca”, en palabras de Victor Salgado na sesión cos medios, “a teor da progresiva relevancia dos delitos informáticos que soben un 40% cada ano, aínda que soamente se denuncia unha reducida porcentaxe de casos, sobre o 10%”. Segundo fixo saber, detrás deste silencio está en ocasións o temor das empresas vítimas a ver prexudicada a súa reputación corporativa ou a perder a confianza do mercado. Malia complexidade que representa o control dos ciberdelitos, en opinión de Salgado as forzas e corpos de Seguridade do Estado, tanto a Policía como a Garda Civil, están moi preparadas para perseguir a ciberdelincuencia, se ben contan “cunha escasa dotación de medios”.
Na súa intervención, José Luis Rivas destacou a necesidade de asegurar a cadea de custodia e os dereitos individuais para evitar esta clase de ataques, entre os que sinalou como un dos máis habituais a suplantación de identidade.