O Campus de Pontevedra leva adiante a semana da recollida de refugallos electrónicos
martes, 19 de maio do 2015
Coincidindo coa
celebración do Día das Letras Galegas, este pasado domingo (17 de
maio) festexábase tamén o Día
Internacional da Reciclaxe e por este motivo botaba a andar onte a
semana da recollida de RAAE (Residuos de Aparellos Eléctricos e
Electrónicos), organizada pola Vicerreitoría do Campus de
Pontevedra, no marco do proxecto Green Campus. Así, na mañá
de onte instaláronse nos diferentes centros da contorna
universitaria as caixas nas que calquera persoa interesada poderá
depositar estes aparellos para que sexan recollidos e trasladados a
un xestor de residuos autorizado.
“Esta iniciativa lévase a
cabo coa arela de concienciar á comunidade universitaria da
importancia que ten a reciclaxe, este tipo de aparellos implican un
risco para o medio ambiente, polo que non poden tirarse en calquera
colector”, resalta Celso Cancela, director da Área de
Planificación do Campus. De aí que o propósito central dunha
iniciativa que se desenvolve por primeira vez sexa incidir na
importancia da reciclaxe, “para que no futuro, o alumnado asuma
pautas de actuación correctas, coherentes e conscientes co medio
ambiente”, como apunta Cancela, quen agradece á colaboración da
Oficina de Medio Ambiente da Universidade, que será a encargada de
coordinar a recollida de todos os dispositivos depositados nestas
caixas para o seu traslado a un xestor autorizado.
Engade o responsable da
Área de Planificación que esta iniciativa responde a “un dos
compromisos que asumimos co proxecto Green Campus”, co que
Pontevedra pretende converterse no primeiro Campus de España en
acadar a bandeira verde que outorga a FEE (Foundation for
Environmental Education) e que non é outro que “contribuír á
concienciación ambiental da nosa contorna”.
Cómpre dicir que a dita
campaña se estenderá ata o venres 22 e que ten vocación de
continuidade. “A idea é que sexa unha actividade periódica e
realizala cando menos dúas veces ao ano”, sinala Cancela, que dá
azos á comunidade universitaria para achegarse a estes puntos de
recollida “calquera aparello eléctrico ou electrónico que teñan
na súa casa e do que queiran desfacerse, porque estean avariados ou
simplemente porque non os usen, xa que a normativa con este tipo de
residuos é moi estrita e teñen que ir parar a mans dun xestor
autorizado para o seu tratamento”.
