O Carballo Interplay recupera a xornada profesional con Portugal como país convidado

mércores, 14 de xullo do 2021 Sandra Rivadulla

O Carballo Interplay, que celebrará a súa oitava edición do 8 ao 11 de setembro, recupera a programación profesional (o Día PRO) con Portugal como país convidado. Así, o Festival de Contidos Dixitais da vila bergantiñá pretende abrir espazos de diálogo e fomentar alianzas entre creadoras/es, produtoras e plataformas de Portugal, Galicia e España.
O Día PRO do Interplay 2021 será o venres 10 de setembro no Pazo da Cultura de Carballo. A xornada estará dividida en dúas partes: haberá presentacións e debates e, a maiores, establecerase un punto de encontro para que creadoras/es, empresas produtoras das diferentes comunidades e países.
En xeral, participarán persoas coñecidas no ámbito das telecomunicacións. Destacan, por exemplo, Alberto Fernández, director de contidos dixitais de RTVE; Raquel García Trigueros, directora de contidos e marketing en Freeda España, Clara Amechazurra Falagán, directora de contidos en Freeda España, Rogério Gomes, xestor de proxecto en RTP Lab, e José Pereira, director da área de Innovación e Negocio da CRTVG.
Cabe mencionar que á última hora da mañá, participarán nos coloquios distintas produtoras e creadores de contidos dixitais de Portugal (convidados ao Carballo Interplay coa colaboración do Clúster Audiovisual de Galicia). Estes presentarán as súas apostas de presente e futuro. Ademais, á primeira hora da tarde, a directora de política audiovisual da AGADIC, Dolores Meijomín, explicará o seu programa anual de subvencións, que consiste nunha liña de axuda a proxectos de webserie en versión orixinal galega.
O encontro PRO comezará ás 16:30 horas. Nel, os creadores de contido poderán presentar os seus proxectos a produtoras e distribuidoras galegas, españolas e portuguesas como RTP Lab, CRTVG, Playz (RTVE), Freeda, Gaita Filmes, Abano Producións, Miramemira, Maruxiña Film Company, Cósmica Producións, Portocabo, VOZ Audiovisual, Promenade, Galo Bravo, PiXbee, MT 360 / ManyTakes, Wonder Maria Films, Ankylosaur ou Todos.
As persoas interesadas en participar neste último espazo de encontro poden facelo de xeito gratuíto a través do formulario, antes do 16 de agosto. Os demais poden solicitar a súa acreditación ata o 31 de agosto. O festival contará cun premio de 3.000 euros para a produción de tres vídeos da serie do proxecto premiado.

PUBLICIDADE