O CiTIUS exercerá de entidade colaboradora no Talentum Startups de Telefónica
martes, 14 de abril do 2015
O centro CiTIUS
da Universidade de Santiago informa que
vai actuar como “entidade aceleradora” do programa Talentum de
Telefónica. Máis polo miúdo o seu labor do CiTIUS centrarase
no apartado Talentum
Startups, que é unha proposta da operadora para apoiar ao
alumnado de carreiras tecnolóxicas e ao ecosistema emprendedor,
achegándolles os escenarios de traballo máis axeitados para o medre
e a materialización das súas iniciativas innovadoras.
Para esta convocatoria, o
dito programa fornece seis bolsas para a realización de prácticas
no CiTIUS durante 6 meses en réxime de xornada parcial (5
horas/día), cunha remuneración de 500 euros mensuais. Terán
prioridade aqueles candidatos e candidatas que procedan de áreas
tecnolóxicas.
As probas de selección,
para as que é preciso inscribirse previamente na
páxina oficial do evento, desenvolveranse o vindeiro 21 de abril
ás 11:00 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Logo,
informa o CiTIUS, faranse chegar ao xurado de Talentum encargado de
tomar a decisión final sobre os aspirantes ao programa. Segundo
engaden fontes do centro, as persoas elixidas completarán o seu
período de prácticas no CiTIUS incorporándose así a proxectos
tecnolóxicos que serán propostos desde os programas científicos do
centro.
“A participación como
organismo acelerador”, engaden os responsables do centro innovador
da USC, “achega ao CiTIUS a oportunidade de participar nun dos
programas de captación de talento de maior prestixio estatal”.
Ademais, “permitirá aos bolseiros desenvolver a súa actividade
emprendedora nun entorno ideal para proxectos innovadores”.
