O Clúster TIC Galicia achega formación de balde a traballadores en activo e desempregados
venres, 24 de febreiro do 2023
O
Clúster
TIC Galicia, en colaboración coa Consellería de Promoción do
Emprego e Igualdade da Xunta, vén de lanzar un novo plan formativo,
gratuíto e en liña, dirixido a traballadores por conta allea,
autónomos e desempregados, co obxectivo de mellorar as súas
competencias e habilidades dixitais en ámbitos como Intelixencia
Artificial,
ciberseguridade, Computación
na Nube,
análise
de información a gran escala (Big
Data),
desenvolvemento e analítica web ou programación.
A
programación está enmarcada dentro do Plan de Recuperación,
Transformación e Resiliencia e conta cun orzamento estimado de 2,2
millóns de euros, do cal xa están aprobados 668.846 euros,
financiados polos fondos Next
Generation
da Unión Europea e canalizados a través do Ministerio de Educación
e Formación Profesional e a Xunta de Galicia.
Esta
convocatoria contempla preto de 90 cursos que se desenvolverán de
marzo a novembro, coa perspectiva de chegar ao redor de 300 en total.
As formacións impártense en dúas modalidades: a través de
plataformas de teleformación (asíncrona) e por aula virtual en
directo (síncrona). Con esta programación, ofrécese unha formación
upskilling,
reforzando as habilidades que xa teñen os traballadores en activo, e
reskilling,
para a adquisición de novas competencias por parte do alumnado que
actualmente está á procura de emprego.
O
obxectivo é que os empregados asuman distintas responsabilidades e
funcións ou opten a outros postos dentro da súa empresa e, no caso
das persoas desempregadas, que poidan reciclarse profesionalmente,
adaptándose ao mundo laboral e aumentando as súas posibilidades de
atopar traballo. Isto favorecería ao sector TIC galego, que precisa
incorporar este tipo de profesionais para cubrir a demanda crecente
das empresas.