O Cluster TIC Galicia, recoñecido pola Iniciativa Europea para a Excelencia dos Clústers

venres, 22 de novembro do 2013 Redacción

Presentación da nova edición de Vindeira Capital Network, celebrada o pasado mércores

O Clúster TIC Galicia mantén hoxe dúas grandes frontes activas: por unha banda o foro de investimento para os nosos emprendedores TIC (Vindeira Capital Network) e pola outra participa nas xornadas ATC4Excellence Conference-Clusters for excellence, que se desenvolven dende este xoves, ámbalas dúas frontes celebrándose en Santiago de Compostela. Neste encontro, a organización foi recoñecida coa medalla de bronce desta iniciativa europea que traballa para identificar e promover as mellores prácticas neste tipo de organizacións.
A entrega ao Clúster TIC Galicia deste recoñecemento supón a súa inclusión nunha base de datos na que se integran 509 organizaciónes de 34 países, informan fontes da plataforma empresarial galega. Segundo explican, o acceso a este grupo tense obtido despois de superar con éxito a avaliación do European Secretariat for Cluster Analysis (ESCA) que inclúe 36 indicadores cos que se estudan en fondura, entre outros factores, a estrutura da organización, o goberno, o financiamento, os servizos proporcionados e a interacción internacional. O informe da ESCA inclúe tamén unha serie de recomendacións cara á obtención do selo de calidade que a Iniciativa Europea pola Excelencia dos Clústers está actualmente a desenvolver.
Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, ten sinalado que "este recoñecemento ao Clúlster TIC Galicia por parte da ESCA supón un paso decisivo na homologación da nosa organización no eido internacional e un respaldo para continuar adiante co noso labor de impulso á competitividade da economía galega desde o desenvolvemento das tecnoloxías da información e das comunicacións".