O Colexio de Xornalistas lanza nas redes sociais unha campaña para combater o machismo nos medios
martes, 22 de novembro do 2016
Con
motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lanza esta semana un
chamamento colectivo nas principais redes sociais para combater a
devandita lacra social e “facer” comunicación nas franxas de
idade que máis presenza teñen, precisamente, nas comunidades
dixitais: a nosa xuventude. Pero, sobre todo, búscase pór de relevo
a escasa “axuda” dos principais medios informativos á hora de
combater a violencia. A campaña, que se bota a camiñar en Twitter
e máis en Facebook,
difúndese baixo a seguinte etiqueta xenérica e identificativa:
#NonDifundasMachismo. Con esta iniciativa o Colexio quere
“concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas
informacións dos medios de comunicación”.
A
campaña, que estará en marcha ao longo desta semana, consiste na
publicación a través de Twitter e Facebook de titulares,
informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e
comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das
mulleres nos medios de comunicación. Todos os exemplos irán
acompañados dunha pequena explicación e da etiqueta
#NonDifundasMachismo.
Desde
o Colexio de Xornalistas chámase “a compartir os distintos chíos
para visualizar o problema da persistencia de tratamentos machistas
nos medios, así como a compartir calquera outro tipo de exemplos
destas prácticas sexistas usando o devandito cancelo
#NonDifundasMachismo”.
