O Concello de Lugo anuncia novos avances no ámbito da eAdministración
xoves, 10 de marzo do 2016
O Concello
de Lugo fixo saber hoxe que está a dar avances na implantación no
seu seo da Administración Electrónica. Este proceso, xa activo,
traducirase na introdución dunhas maiores “rapidez e comodidade”
na resolución de trámites por parte da cidadanía lucense. Así o
deu a coñecer a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo,
quen mantivo un encontro con técnicos do Concello de Xixón,
administración
recentemente recoñecida cuns importantes galardóns polo seu labor
en materia TIC (grazas os servizos CuidaGijón e ObservaGijón o
Goberno local acadou o premio ao Mellor Servizo de Administración
Electrónica e ficou entre os finalistas do Mellor Proxecto de
Participación Cidadá e Gobernos Abertos, respectivamente).
O Concello de Lugo puido tomar nota dos pasos dados polo Executivo
xixonés en materia tecnolóxica e anunciou a súa firme intención
de “progresar na implantación da eAdministración, unha nova vía
de contacto cos lucenses para ofrecer un servizo mellor, máis rápido
e máis eficaz”.
A edil foi acompañada dun comité técnico do que forman parte
distintos servizos municipais co obxectivo de acadar que todos eles
participen na modernización administrativa dos mesmos, unha
modernización que segundo avanzou Rielo estará implantada a finais
de ano, “o que favorecerá a transparencia da institución”.
A concelleira tamén fixo saber que o propósito da xuntanza en
Asturias foi “avanzar na modernización do Concello, impulsando
canles de participación coa cidadanía e evolucionar cara unha
estratexia de goberno aberto”. A edil salientou que a
eAdministración permitirá realizar “procedementos sen ter que
desprazarse ata os servizos municipais, achegando a administración
aos seus usuarios”. Ademais, dixo, “beneficiará á cidadanía
ao axilizarse os trámites e os procesos burocráticos e evitarase a
perda de tempo e desprazamentos”.
Tamén lembrou que o Concello de Lugo foi un dos primeiros
municipios de máis poboación de Galicia en poñer en marcha o
funcionamento do Rexistro Electrónico.
