O Concello de Ponteareas facilitará con formación e asesoramento a dixitalización dos negocios
luns, 7 de setembro do 2020
O
Concello
de Ponteareas vén de dar un novo paso para facilitar a adaptación
do tecido empresarial, hostaleiro e comercial do municipio á nova
realidade marcada pola COVID. Con este motivo, puxo en marcha a
iniciativa Dixitaliza o teu negocio, que inclúe plans de
formación e de asesoramento individualizado para os comercios locais
e a planificación de estratexias empresariais adaptadas ao novo
contexto.
O
programa Dixitaliza o teu negocio, posto en marcha pola
Concellaría de Promoción Económica que dirixe Eva Gil, contará
cun plan de formación destinado ás o aos comerciantes para
amosarlles, “de xeito práctico e sinxelo” as posibilidades do
comercio electrónico, as diferenzas existentes entre cada un das
ferramentas de ecommerce e comunicación así como todos os
medios dixitais existentes. O Concello engadiu que nunha segunda fase
do proxecto as o os comerciantes contarán con asesoramento
individualizado que permita o acompañamento dos comercios na súa
dixitalización.
O
obxectivo desta iniciativa é, en palabras do Goberno local,
“desenvolver o potencial que ten todo o tecido empresarial do
municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do
mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do
comercio local, de tempada e de proximidade”.
A
formación estará a cargo de profesionais en transformación
tecnolóxica e con amplo coñecemento das múltiples demandas que
poidan xurdir de cada caso empresarial específico.
Ao
abeiro do programa estableceranse diferentes liñas de comunicación
e difusión, contando co tecido asociativo do concello, para crear,
en palabras do Goberno local, “unha rede sólida de apoio entre a
administración, o sector e a veciñanza”. Todo isto
complementarase con iniciativas de comunicación para dar
visibilidade ao proxecto a través da creación da imaxe do programa
e a creación dunha landingpage (www.dixitalizaponteareas.com)
que estará operativa o día da presentación do programa, onde os
representantes dos negocios tamén poderán rexistrarse a través do
formulario de contacto (info@dixitalizaponteareas.com) e a creación
dunha campaña de promoción nas redes sociais (Facebook e Instagram
principalmente).
