O Concello de Tomiño achega ás mulleres locais un curso de competencias dixitais

xoves, 1 de outubro do 2020 S. P.

O Concello de Tomiño vai pór en marcha un curso de competencias dixitais para mulleres en situación de vulnerabilidade. O obradoiro, que é de balde, celebrarase do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de setembro. O curso Competencias dixitais para o emprego e nas relacións coa Administración vén da man dos departamentos municipais de Benestar Social e Orientación Laboral.
Ten o obxectivo de “facilitar ás participantes ferramentas na procura da súa inserción laboral dende o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e paliar a brecha laboral, dixital e territorial de xénero que a crise sanitaria derivada da COVID-19 acentuou e que trae como consecuencia o risco de illamento socio-laboral, especialmente no caso das mulleres, tradicionalmente dedicadas aos coidados de menores e dependentes, en detrimento da súa formación e do seu desenvolvemento socio-laboral”.
O curso, co-financiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño, impartirase dous días á semana do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. A xornada será de dúas horas e media ao día, dividindo ás participantes en tres grupos, dous de mañá (luns e mércores, de 09.30 a 12.00 h e martes e xoves de 09.30 a 12.00 h) e outro de tarde (luns e mércores, de 16.00 a 19.30 h). Ademais o Concello ofrece ás participantes que o precisen servizo de canguraxe de balde no grupo de tarde.
As participantes recibirán formación teórico/práctica en Internet básica e media (correo electrónico, Google office…), Internet para o emprego (novos traballos e profesións, elaboración de CV e distribución por web/mail, boas prácticas en redes sociais para uso profesional, portais e buscadores de emprego…) así como no uso das webs da Administración (sinatura dixital, SEPE, Seguridad Social…). O curso completarase cun módulo dedicado a dereitos laborais e un módulo básico de igualdade, impartidos por profesionais de ambas áreas.
Para a inscrición, as interesadas poden enviar un correo electrónico a ana.sanchez@tomino.gal, indicando no asunto “obradoiro competencias dixitais” e achegando os datos persoais.