O Consello da Cultura lanza unha web que nos permite escoitar Galicia

xoves, 21 de decembro do 2017 Redacción

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe unha web que analiza, debulla e deixa patente a diversidade cultural de Galicia a través do seu son. Ou sexa, mediante arquivos de audio: a Galicia escoitable. Trátase do Mapa Sonoro de Galicia, dispoñible en mapasonoro.consellodacultura.gal, un novo proxecto do CCG que abrolla do obxectivo de fornecer á cidadanía dunha “perspectiva xeográfica” a coleccións sonoras xa custodiadas pola institucións, no Arquivo Sonoro de Galicia, ou por outras entidades e particulares. O Mapa céntrase en traballos antropolóxicos, etnográficos, lingüísticos ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.
Segundo engade o CCG, o Mapa Sonoro de Galicia parte de máis de 500 documentos sonoros distribuídos por todo o país, agrupados en coleccións sonoras moi diversas en tipoloxía e distribución xeográfica. A cultura popular de tradición oral nos centros da terceira idade recolle lendas, contos populares e gravacións do nosos maiores. A nosa fala permite coñecer e diferenciar as variedades dialectais da lingua galega. Auga doce: viaxe sonora polo río Miño recolle os sons do gran río de Galicia, desde o paso natural do río ata as accións humanas ligadas a el. Sons da terra permite escoitar sons da natureza pero tamén de oficios xa desaparecidos, e o Cancioneiro antropolóxico recolle os cantares e a tradición musical das montañas do Lor e as terras de Quiroga, en Lugo.
O Consello da Cultura tamén explica que os usuarios poden explorar as coleccións sonoras directamente sobre o mapa galego ou cruzadas a través de etiquetas que reflicten espazos, formas de contar, personaxes ou ámbitos da vida, permitindo a exploración da diversidade cultural e paisaxística de Galicia a través das súas voces e sons.