O Goberno apoia á Xunta con 27,3 millóns para dixitalizar e modernizar a Administración autonómica
mércores, 17 de agosto do 2022- José Miñones nunha imaxe da axencia EFE
O
delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo balance dos
obxectivos do Plan de Recuperación do Goberno para dixitalizar e
modernizar a Administración autonómica. Segundo fixo saber, o
Executivo vai apoiar este proceso con 27,3 millóns de euros que
transferirá á Xunta de Galicia procedentes do devandito plan, o
Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
José
Miñones apuntou que “esta cantidade axústase aos proxectos que
presentou a Administración galega á manifestación de interese
lanzada polo Goberno en maio”. As propostas remitidas dende a nosa
terra, engadiu, permitiron definir esta cantidade, 27.315.808,64
euros, “un novo exemplo cooperación institucional e de
transparencia e cogobernanza na execución do Plan de Recuperación”,
sinalou o delegado.
A
repartición dos fondos foi acordado en Consello de Ministros, e que
responde a unha dos investimentos do Compoñente 11 do Plan de
Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), Transformación
Dixital e modernización do Ministerio de Política Territorial e
Función Pública e das Administracións das Comunidades Autónomas e
Entidades Locais.
Os
27,3 millóns acordados para Galicia repártense en dous exercicios:
13.943.086,45 euros para proxectos a executar en 2022 e 13.372.722,2
euros para financiar actuacións o próximo ano.
Desta
cantidade total, 14.210.386,78 euros destinaranse á dixitalización
e transformación da administración sanitaria pública de Galicia. O
resto destinarase proxectos de administración orientada á
cidadanía; operacións intelixentes; manexo de datos;
infraestruturas dixitais e ciberseguridade.
O
delegado lembrou que a dixitalización supón un “salto decisivo na
mellora da eficacia e eficiencia da Administración para dar resposta
aos seus retos e garantir a sustentabilidade dos investimentos”. E
apuntou que “os principais beneficiarios desta aposta é a
cidadanía galega e as políticas públicas”.