O HP ZBook x2 preséntase como o portátil convertible máis potente do mercado

mércores, 18 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Onte presentouse o Surface Book 2 como un portátil con teclado desacoplable que pese a un tamaño moi compacto consegue achegar unha grande potencia nas súas configuracións máis elevadas, e HP non tardou en mover ficha, desvelando un equipo semellante, o HP ZBook x2, que podería considerase como a primeira estación de traballo portátil con teclado extraíble, xa que aposta especialmente pola súa potencia, sendo flexible dabondo como para converterse nunha excelente ferramenta de traballo para profesionais creativos.
O HP ZBook x2 é o portátil con teclado extraíble máis potente do mercado, que funciona con procesadores Intel Core, o dobre de memoria que os equipos equivalentes da competencia, e gráficas nVIDIA Quadro que conseguen un rendemento especialmente bo para usos profesionais. Integra un sistema de refrixeración de dobre ventilador bastante silencioso e está preparado para operar en distintos modos: portátil (gozando de potencia e teclado), desacoplado (coa pantalla separado do teclado, para unha maior versatilidade, sendo posible continuar a empregar o teclado mediante Bluetooth), atracado (co equipo conectado até a 2 monitores 4K ou até 5 monitores de alta definición) e tableta (mantendo a potencia das gráficas nVIDIA).
Para traballos creativos podemos empregar un lapis dixitalizador con tecnoloxía Wacom EMR, que ofrece 4.096 niveis de presión, sensibilidade á inclinación e unha goma de borrar dedicada (e non precisa baterías) e o marco da pantalla integra teclas rápidas nos laterais, para configurar até 18 atallos que resultarán de utilidade para controlar o zoom, axustar o grosor dos pinceis.
Estes novos equipos chegarán ao mercado en decembro a un prezo que parte dos 1.749 dólares, o que parece un prezo bastante axustado para dispositivos desta liña con procesadores Intel Core i7, 8/16/32 GB de RAM, almacenamento SSD de 256 GB/512 GB/1 TB, gráfica nVIDIA Quadro, pantalla IPS de 14 polgadas de ultra alta definición, batería con até 10 horas de autonomía e carga rápida (que permite chegar ao 50% de capacidade con só 30 minutos de carga). Compre salientar que o HP ZBook x2, ao ter grande potencia, non consegue ser tan lixeiro e delgado como o Surface Book, pero contense bastante, quedando en 20,3 milímetros de grosor e 2,17 quilogramos de peso. Tamén integra 2 portos Thunderbolt 3, 1 saída HDMI 1.4, un porto de carga USB 3.0, lector de tarxetas SD e lector de pegadas dixitais.

JPEG - 73.5 KB
Coa súa potencia o HP ZBook x2 pode considerarse como unha auténtica estación de traballo

Vídeo promocional do HP ZBook x2

PUBLICIDADE